21 de junio de 2023
O Quiosco Down e os Cabaliños de Méndez Núñez tamén foron recoñecidos pola asociación
Destacan as obrigas recollidas nos pregos de contratación pública para a inserción de colectivos vulnerables ou a reserva de lotes específicos para centros, empresas ou entidades sociais
O Concello da Coruña recibiu o premio da Asociación Amicos na I Edición dos Premios ás boas prácticas en contratación responsable, na categoría de 'Concellos de máis de 20.000 habitantes'. Os premios teñen como obxectivo recoñecer e dar visibilidade ás administracións públicas e empresas que impulsan a contratación público-privada que aposte pola integración social e laboral das persoas máis vulnerables.
O Concello presentou a súa candidatura polo compromiso coa contratación responsable a través dos procedementos de licitación, das instrucións internas e dos pregos de contratación. Na actualidade, o Concello recolle obrigas en materia de inserción sociolaboral de persoas e colectivos desfavorecidos en todos os pregos da contratación como a exclusión ás empresas que vulneran a obriga de contratar un 2 % de persoas con discapacidade, de acordo co artigo 42 do Real Decreto Lexislativo 1/2013 do 29 de novembro.
Ademais, no marco dos grandes contratos, o Concello reserva algún dos lotes para centros especiais de emprego e empresas de inserción ou para entidades e empresas de economía social. Algúns exemplos son os contratos de limpeza nos edifícios municipais, no que o lote número nove reservouse para este fin, ou o contrato de conservación, mantemento e mellora da infraestrutura verde e azul, no que se reservou o lote número catro.
O Goberno de Inés Rey impulsou neste último mandato outras iniciativas para a inserción laboral de persoas vulnerables como o Quiosco Down ou os Cabaliños de Méndez Núñez.
O Quiosco Down naceu do acordo asinado entre a alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Asociación Síndrome de Down da Coruña, Ricardo Santos, para que a entidade asumise a concesión gratuíta dunha parte das instalacións que conforman o quiosco da praza de Ourense fundando o Quiosco Down Experience. No momento no que se puxo en marcha, no 2020, supuxo a inserción laboral de 12 persoas.
Tamén na mesma liña, a alcaldesa asinou con Antonia María Eugenia Pérez Amieiro, en representación da Asociación Pro Enfermos Mentais da Coruña (APEM) un convenio para a cesión gratuíta do uso e explotación dos 15 cabaliños dos xardíns de Méndez Núñez co obxectivo de promover e facilitar a inserción laboral de persoas en situación ou en risco de vulnerabilidade social.
"Inés Rey ampliou a súa aposta pola inserción laboral e integración social de colectivos vulnerables, recuperando ademais dous símbolos históricos da cidade que recolleron unha nova dimensión social", indicou o voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage. A asociación Amicos valorou positivamente estas iniciativas, ademais das obrigas e reservas en materia de integración recollidas nos procesos de contratación pública, recoñecendo o Concello da Coruña como unha administración pública exemplar polas súas boas prácticas na contratación responsable.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible