Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de marzo de 2023

Os traballos, que contarán cun orzamento de case 21 millóns de euros, inclúen a creación dun novo enlace de saída cara á avenida de San Cristovo, así como a ampliación de espazos entre Maristas e Agra do Foxo

Aprobado o proxecto construtivo para a ampliación da avenida de Alfonso Molina

A alcaldesa, Inés Rey, e o director xeral de Estradas do Ministerio de Transportes, Juan Pedro Fernández Palomino, presentaron hoxe o proxecto para a remodelación da vía, último paso antes da licitación das obras

A alcaldesa, Inés Rey, e o director xeral de Estradas do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana (MITMA), Juan Pedro Fernández Palomino, presentaron esta mañá en Matogrande o proxecto construtivo para a ampliación de capacidade de Alfonso Molina, paso previo á licitación das obras, compromiso asumido polo Ministerio para este primeiro semestre de ano. Ao acto asistiron tamén a delegada do Goberno en funcións, María Rivas, o portavoz do executivo local, José Manuel Lage Tuñas, e o concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego.

O proxecto para mellorar a capacidade da avenida dá continuidade á folla de ruta plasmada polo Concello e o Ministerio, que abrangue tres fases de traballos. A primeira, a instalación dunha pasarela peonil entre Pedralonga e Palavea, comezou en maio de 2022. "Agora, encarrilamos a segunda fase, a máis importante, coa futura ampliación de capacidade de Alfonso Molina, unha intervención que costeará, de forma íntegra, o MITMA. O orzamento de execución material é de case 21 millóns de euros, e o prazo estimado para a conclusión das obras, unha vez estén en marcha, será de 24 meses", detallou Inés Rey.

A remodelación prevista en Alfonso Molina afectará, principalmente, ao tramo que conecta a Ponte da Pedra coas conexións de entrada e saída coa AP-9. O pasado mes de outubro, o Concello solicitou ao Ministerio a titularidade deste tramo, polo que as autoridades municipais pasarán a ser responsables da súa conservación e mantemento cando o MITMA remate os traballos previstos.

"Estes traballos permitirán a disposición de catro carrís por sentido neste tramo de Alfonso Molina, aumentando a capacidade do tronco principal da avenida cun carril máis por sentido. E é vital facelo neste tramo en concreto, porque é onde se redistribúe o tráfico rodado que entra e sae da cidade, ben cara aos barrios, os polígonos empresariais ou o campus universitario de Elviña", apuntou a alcaldesa.

Este tramo da avenida, entre a Ponte da Pedra e a AP-9, soporta o paso de aproximadamente 120.000 vehículos diarios, e as estimacións do Concello elevan esta cifra a case 160.000 para finais da próxima década. "Desde o ano 2003, foron moitos os gobernos que anunciaron a ampliación da avenida, que por uns motivos ou outros foi posposta. Hoxe, por fin, temos o proxecto construtivo, documento necesario para licitar as obras, tal e como se comprometeu a ministra Raquel Jiménez, e remodelar a avenida", dixo Inés Rey.

Un novo acceso á avenida de San Cristovo

A intervención prevista en Alfonso Molina permitirá a incorporación dun enlace, tipo trevo, en sentido de saída cara a avenida de San Cristovo, enlace inexistente actualmente e que facilitará a redistribución do tráfico cara enclaves como Matogrande, Eirís ou o Barrio das Flores. En paralelo, o MITMA prevé a creación dun novo vial de acceso desde a avenida de San Cristovo para incorporarse a Alfonso Molina, cunha envolvente sobre este enlace trevo. "Será unha infraestrutura coa que se poderá mellorar, e moito, o fluxo de tráfico rodado na contorna de Elviña, Someso, O Birloque e Martinete", agregou Inés Rey.

Tamén na parte dereita de Alfonso Molina, nesta segunda fase do proxecto de remodelación da avenida, rectificarase a vía de saída cara a avenida García Sabell, no sentido de circulación cara ao polígono de Pocomaco. Este vía incorporarase como un terceiro carril, ao remodelarse tamén toda a calzada do paso que hai baixo Alfonso Molina, e que tamén conecta coa rúa Enrique Mariñas Romero, en Matogrande.

Ademais, o viario de acceso desde García Sabell con Alfonso Molina tamén pasará a incorporarse como un novo carril da avenida, sumándose á súa vía principal e dándolle continuidade ata o seguinte enlace coa AP-9.

Melloras nos accesos á Agra do Foxo e o colexio Maristas

No referente á calzada esquerda de Alfonso Molina, en sentido de entrada á cidade, aproveitaranse os bordos lindeiros da estrada para a disposición de dous carrís máis, no tramo entre o colexio Maristas e Matogrande. Os dous novos carrís, ideados para segregar o tráfico rodado desde a AC-11, permitirán a mellora de accesos ao colexio e tamén á zona da Agra do Foxo, embocando posteriormente na vía de acceso á rotonda onde conflúen a rúa Enrique Mariñas Romero e a avenida García Sabell.

Substitución da pasarela peonil entre Xuxán e San Vicenzo de Elviña

Na segunda fase da remodelación de Alfonso Molina, o MITMA prevé acometer as obras de demolición da pasarela peonil que conecta San Vicenzo de Elviña con Xuxán, para a súa substitución por outra pasarela totalmente nova, e que estará directamente conectada cos novos accesos peonís que se crearán a un lado, e a outro, de Alfonso Molina, tanto en San Vicenzo como en Xuxán.

Ademais, neste contexto, e aproveitando os espazos dispoñibles á beira da avenida, acometeranse melloras de accesibilidade en cinco paradas de autobús: nas de Matogrande, a parada de acceso ao centro comercial Carrefour, a de San Vicenzo de Elviña, na Agra do Foxo e tamén nas proximidades do Camiño da Felga, preto do ramal de acceso a Palavea e A Zapateira. Co obxectivo de reforzar a seguridade das persoas, todas as paradas estarán máis alonxadas dos carrís de circulación, en comparación á súas localización actuais.

A terceira fase da remodelación: integración ambiental da avenida

A alcaldesa, Inés Rey, apuntou que a terceira e última fase do plan de remodelación de Alfonso Molina, unha vez executada a ampliación de capacidade, suporá a integración ambiental da avenida. "Implicará a creación de sendas peonís e ampliación do tramo de carril bici, así como diversas melloras nas áreas verdes lindeiras a Alfonso Molina", concretou.

Inés Rey apuntou, ademais, que a remodelación da avenida responde ao obxectivo de "mellorar a fluidez do tráfico alí onde é necesario, e factible, pero tamén integrando a avenida cos barrios lindeiros, como Matogrande e Someso".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión