Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de marzo de 2023

Aprobado o proxecto para mellorar a accesibilidade en 16 paradas de autobús nos barrios de Labañou, Os Rosales, Castrillón, Monte Alto e a contorna dos Mallos e Catro Camiños

Ademais, a Xunta de Goberno Local designou á dirección de obra que levará a cabo o seguimento das obras de construción do novo campo de fútbol de Eirís, rematando así cos derradeiros trámites para a posta en marcha dos traballos

A Xunta de Goberno Local deu luz verde este mércores ao proxecto para acometer melloras de accesibilidade en 16 paradas de autobús localizadas nos barrios do Castrillón, Os Rosales, Labañou, Monte Alto e a contorna dos Mallos e Catro Camiños.

Os traballos, valorados en 695.000 euros, abranguen a ampliación das plataformas das paradas de autobús para facilitar a despregadura das ramplas de acceso, axudando á correcta subida e baixada de persoas con dificultade de mobilidade. Ademais, disporanse pavimentos diferenciados, tal e como marca a normativa de accesibilidade vixente. E, a maiores, instalaranse novas marquesiñas ou desprazaranse as existentes para cumprir a normativa de aplicación en canto ás dimensións da beirarrúa e zonas de acceso peonil. Para a posta en marcha dos traballos, o Concello solicitou financiación a través da segunda convocatoria de fondos Next Generation correspondente ao ano 2022.

"No que vai de mandato, o Goberno municipal xa renovou máis de 40 paradas de autobús na liña de actuación anteriormente exposta. É unha medida necesaria para facer da Coruña unha cidade máis inclusiva, máis próxima ás necesidades das persoas e que atenda ás especificidades demográficas de cada barrio", explicou a alcaldesa, Inés Rey.

As 16 paradas que se someterán a remodelación son as seguintes:

O Castrillón - Monelos - Os Castros

  • Parada 507: Rúa Vicente Aleixandre, 1.
  • Parada 18: Praza da Concordia, 27.
  • Parada 69: Avenida da Concordia, 188.
  • Parada 509: Rúa J. M. Hernansáez, 31.
  • Parada 508: Rúa Curtis, 6.
  • Parada 65: Avenida da Concordia, 50.
  • Parada 15: Praza de Pablo Iglesias, 8.
  • Parada 67: Rúa Abegondo, 3.

Os Mallos - Catro Camiños

  • Parada 129: San Pedro de Mezonzo.
  • Parada 264: Rolda de Outeiro (Hotel Avenida).

Monte Alto

  • Parada 173: Avenida de Navarra, 27.
  • Parada 549: Estrada de Circunvalación, 15 (As Lagoas).

Os Rosales - Labañou

  • Parada 89: Rúa Emilio González López, 32.
  • Parada 553: Rúa Emilio González López, 44.
  • Parada 87: Rúa Manuel Azaña, 26.
  • Parada 85: Rúa Honduras.

Balance de licenzas

Tamén este mércores a Xunta de Goberno Local fixo balance das licenzas resoltas entre os días 10 e 23 de marzo, con 180 expedientes notificados: 23 foron licenzas urbanísticas e 90 foron obras en réxime de comunicado.

Entre as licenzas concedidas destaca a que permitirá a construción dun aparcadoiro provisorio en superficie entre as rúas Nova York e Londres, nas inmediacións dun centro hospitalario localizado no barrio da Zapateira.

Ademais, concedeuse licenza para a reforma integral dunha nave industrial situada no 18-20 da rúa Gútemberg, no polígono de Agrela.

Servizo de atención na rúa a persoas sen fogar

Por outra banda, hoxe aprobouse a licitación do servizo de atención na rúa a persoas sen fogar, unha iniciativa destinada a dar resposta ás súas necesidades máis urxentes.

O novo contrato do servizo de atención na rúa a persoas sen fogar contará cun orzamento de máis 181.000 euros por exercicio, e terá unha duración de dous anos.

As obras para a construción do novo campo de fútbol de Eirís, inminentes

Tamén na xornada de hoxe, a Xunta de Goberno Local designou á dirección de obra que levará a cabo o seguimento das obras de construción do novo campo de fútbol de Eirís, rematando así cos derradeiros trámites para a posta en marcha dos traballos, adxudicados a Construcciones López Cao a finais de 2022.

O Concello levará a cabo un investimento de dous millóns de euros para renovar o campo de fútbol, acondicionar os vestiarios e acometer a instalación do novo peche perimetral do recinto deportivo. "As obras comezarán de xeito inmediato", anunciou Inés Rey.

Avances na dinamización comercial do mercado de San Agustín

Hoxe, ademais, o Goberno municipal adxudicou un novo lote, composto por cinco postos, no perímetro exterior do mercado de San Agustín, onde se porá en marcha un local comercial orientado á venda de produtos artesanais e naturais.

O prazo de duración da concesión será de quince anos, prorrogables por outros dez ata un máximo de vintecinco.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión