7 de agosto de 2026
O vindeiro mércores 12 de agosto, os tres museos científicos coruñeses rematarán a xornada de actividade ás 18.00 horas, dúas antes do habitual na tempada de verán
O Concello ultima os preparativos específicos de cara á xornada do mércores 12 de agosto, na que a cidade asistirá a un evento astronómico único: unha eclipse solar cuxa fase de totalidade se vivirá entre a tarde e a noite.
Cómpre subliñar que a eclipse poderá verse a partir das 19.30 horas e finalizará ás 21.22 horas, alcanzando a fase de totalidade ás 20.28 horas. É dicir, que a totalidade durará aproximadamente 76 segundos.
Neste sentido, e atendendo ao cariz especial deste día e pola previsión de que milleiros de persoas saian ás rúas da cidade para contemplar o fenómeno, os servizos municipais axustarán o horario de diversas instalacións como os tres Museos Científicos Coruñeses (Aquarium Finisterrae, Casa das Ciencias e Domus), que o mércores pecharán as súas portas ás 18.00 horas -dúas antes do habitual na tempada de verán, cando os tres recintos pechan ás 20.00-.
A este respecto, o vindeiro día 12 está previsto que se autoricen os últimos accesos ao Aquarium ás 17.00 horas, e ás 17.30 horas na Casa das Ciencias e a Domus. O peche das tres instalacións será, pois, hora e media antes de que comece o fenómeno.
A eclipse non será visible desde a Casa das Ciencias pola súa ubicación no parque de Santa Margarida, arrodeada de árbores e edificios. Si será posible velo desde o aparcadoiro exterior do Aquarium Finisterrae e, xa preto da Domus, na contorna das Lagoas, no paseo.
Tal e como subliñou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, "A Coruña terá o privilexio de formar parte das cidades europeas mellor posicionadas para vivir un evento tan singular, que está a atraer a persoas de moitas partes do mundo e que, tanto en termos de divulgación científica como de impacto socioeconómico, será moi positivo".
Castro lembrou que o Concello vén traballando arreo nos últimos meses para incentivar a visualización da eclipse desde puntos de proximidade nos barrios da cidade, xa definidos e abertos á cidadanía a través dun mapa interactivo dispoñible na web municipal.

29 de julio de 2026

23 de julio de 2026

19 de julio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible