28 de junio de 2025
Este ciclo promovido polo Concello trae á cidade referentes do jazz, blues, son cubano e música brasileira
Este vindeiro martes 1 de xullo comezará unha nova edición do festival +QJazz, todo un referente da música jazz e as súas variantes a nivel nacional. A actuación inaugural celebrarase no Teatro Colón e a súa protagonista será Champian Fulton Quartet. "Desde o Goberno de Inés Rey levamos anos apoiando esta iniciativa porque nela conflúen os nosos espazos singulares ao aire libre co Colón e as salas de concertos, piares da cultura coruñesa", indicou Gonzalo Castro.
O festival +QJazz reafirma a súa identidade cunha programación exquisita e ecléctica, que inclúe figuras consagradas do jazz, lendas do son cubano, mestres do flamenco-jazz e propostas cheas de frescura como o blues europeo ou a música popular brasileira. Ao longo dunha semana, diferentes espazos emblemáticos da cidade como o Teatro Colón, o Jazz Filloa, o Garufa Club ou a Sala Mardi Gras converteranse en escenarios para unha experiencia musical única.
O martes 1 de xullo, no Teatro Colón, actuará Champian Fulton Quartet. Pianista e vocalista estadounidense recoñecida pola crítica internacional, Champian Fulton é unha das figuras máis destacadas do jazz vocal actual. Influenciada por grandes como Sarah Vaughan, Bud Powell ou Count Basie, a súa interpretación combina virtuosismo ao piano cunha voz elegante e expresiva. Cunha ampla discografía e experiencia docente, traerá a Galicia un jazz clásico e sofisticado, abrindo o festival nun escenario ao aire libre con encanto histórico.
O mércores 2, no Jazz Filloa, será a quenda de Marcel Pascual Quinteto. Desde Barcelona, o vibracionista Marcel Pascual chega coa súa proposta de jazz contemporáneo, onde conflúen a exploración sonora, a improvisación e a delicadeza melódica. O seu último traballo, Fluctuaciones, é unha mostra do seu talento como compositor e intérprete. A súa actuación no Filloa será unha oportunidade única para gozar dunha formación de gran calidade técnica e sensibilidade artística.
O xoves 3, no Garufa Club, actuará Carles Benavent Trío. Auténtica lenda do jazz flamenco, Carles Benavent revolucionou o papel do baixo eléctrico en España. Coñecido pola súa colaboración con Paco de Lucía, Miles Davis ou Chick Corea, a súa traxectoria é sinónimo de innovación e virtuosismo. O seu trío promete unha noite chea de matices e liberdade creativa, nun espazo íntimo que potenciará a conexión co público.
Eliades Ochoa estará o venres 4 no Teatro Colón. Un dos grandes embaixadores da música cubana, foi membro fundador do mítico Buena Vista Social Club. A súa voz e guitarra deron vida a cancións icónicas como Chan Chan, converténdose nun símbolo da identidade sonora de Cuba. Con décadas de carreira, múltiples Grammys Latinos e unha discografía exemplar, a súa presenza no festival é un dos pratos fortes desta edición.
Por outra banda, Turma Caipira estará o sábado 5 no Garufa Club. Formada na Coruña en 2009, esta é unha banda especializada na música popular brasileira (MPB), cun repertorio que percorre samba, bossa nova, baião e outras expresións sonoras do Brasil. Cunha proposta íntima e elegante, a voz de Marga Ramos acompáñase de músicos versátiles como Samuel Pérez, Quique Alvarado e Fran Castro, todos con ampla traxectoria en diversos estilos.
O domingo 6 será a quenda de Quique Gómez & His Vipers na Sala Mardi Gras. Son considerados unha das mellores bandas de blues e rhythm & blues de Europa e destacan pola súa forza escénica e a autenticidade do seu son. Gómez, cantante e virtuoso da harmónica, ten colaborado con grandes lendas do blues americano e conta cunha sólida carreira internacional.
Pechará o ciclo Rick Estrin & The Nightcats o martes 8 na praza de Azcárraga, con entrada de balde. Trátase dunha banda estadounidense galardoada en múltiples ocasións nos Blues Music Awards. O seu estilo mestura blues tradicional con swing, jump blues e rockabilly, cun directo explosivo e cheo de carisma. Rick Estrin, coñecido polas súas letras irónicas e interpretación teatral, estará acompañado pola guitarra de Chris "Kid" Andersen e unha potente sección rítmica que deixará unha pegada inesquecible no público galego.

17 de diciembre de 2025

16 de diciembre de 2025

15 de diciembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible