Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de agosto de 2026

A alcaldesa, Inés Rey, supervisou a evolución dos traballos, nos que o Concello efectúa un investimento de case un millón de euros

Avanza a ampliación da rolda Peonil polo barrio da Sagrada Familia, onde hoxe quedou aberto o treito entre Nosa Señora da Luz e Cardenal Cisneros

Tanto a Sagrada Familia como Os Mallos participarán proximamente nun programa de emprendemento local impulsado polo Concello e cofinanciado con fondos europeos FEDER

O barrio da Sagrada Familia protagoniza a nova fase de expansión da rolda Peonil, que avanza a través do distrito coruñés coa reurbanización progresiva do percorrido existente entre as rúas Nosa Señora da Luz e Antonio Carballo, xa ás portas da Agra do Orzán.

Neste sentido, hoxe pola mañá abriuse ao tránsito o treito que chega á rúa Cardenal Cisneros, que xa deixa ver a futura imaxe deste trazado ata conectar coa avenida de Fisterra. Son 350 metros nos que o Concello está a actuar para transformar e osixenar os espazos públicos nun barrio moi compacto urbanisticamente. De aí que se apostase por gañar máis espazos peonís, accesibilidade e visibilidade para o pequeno comercio.

A alcaldesa, Inés Rey, supervisou hoxe a evolución das obras no conxunto da rúa, que se atopan a un 60% da súa execución total, continúan a bo ritmo e rumbo a Antonio Carballo, coa previsión de rematar no último trimestre do ano. O investimento previsto polo Concello é dun millón de euros.

Cómpre lembrar que, ao igual que en parte de Alcalde Marchesi -que tamén forma parte da rolda Peonil-, na Sagrada Familia formulouse a reurbanización deste treito baixo unha configuración de plataforma única, con preferencia peonil para reforzar a seguridade viaria e manter, á vez, o tránsito de vehículos, mais sempre a velocidade reducida.

Ademais, ao longo do percorrido está previsto incrementar o número de exemplares de arboredo e a superficie de áreas axardinadas, unha medida que, alí onde era posible, xa se executou en fases previas da rolda Peonil co obxectivo de avanzar no reverdecemento progresivo dos barrios da Coruña.

Na visita técnica desta mañá, a alcaldesa subliñou a importancia de que a transformación urbana dos barrios se formule cunha perspectiva de futuro e pensando no benestar xeral da veciñanza: "Actuacións como a rolda Peonil teñen un efecto tractor en clave socioeconómica, dinamizando as rúas e posibilitando que haxa máis movemento de persoas. E iso é fundamental tamén para abrirlle camiño á novas actividades comerciais".

A Sagrada Familia participará nun programa de emprendemento local

A inicios de xullo, o Concello sacou a concurso o contrato correspondente ao programa de emprendemento local nos barrios da Sagrada Familia e dos Mallos. Esta iniciativa, que conta cun investimento de case 100.000 euros, está cofinanciada con fondos europeos FEDER no marco da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL).

Tal e como se informou semanas atrás, este programa está orientado a pequenos comercios e empresas locais, susceptibles de titorizarse cunha formación e asesoría personalizada.

Desta forma, o Concello promove a dinamización económica de proximidade baseándose nun modelo orientativo sobre viabilidade de ideas de negocio, asesoramento para a elaboración de plans de empresa, apoio en trámites, normativa municipal e oportunidades de financiamento, titorías periódicas de seguimento ou mentorización e derivación coordinada a recursos especializados.

Tamén che pode interesar

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión