19 de novembro de 2023
O Concello avanza no seu plan de melloras nos parques infantís, que nos últimos meses supuxo intervencións nos barrios de Vioño, Elviña, Novo Mesoiro, Os Rosales e Monte Alto, ademais do Monte de San Pedro
O Concello da Coruña, a través da Área de Economía e Planificación Urbana, iniciou días atrás os traballos de mellora previstos no parque infantil do Campo da Leña, onde o Servizo municipal de Infraestruturas está a acometer a renovación integral do firme de caucho nas dúas áreas de xogos existentes.
Xa a comezos desta semana, e como paso previo ao inicio das obras, dispúxose o valado perimetral necesario para acoutar as zonas de intervención, localizadas no sector leste da praza. Posteriormente, iniciouse a substitución do pavimento de caucho actual, deterioriado polo paso do tempo e pola súa exposición ás inclemencias meteorolóxicas, co obxectivo de reforzar a seguridade e comodidade das pequenas e pequenos.
A estimación do equipo de profesionais de Infraestruturas é que as obras rematen a finais da vindeira semana, sempre e cando as condicións climatolóxicas sexan favorables para o desenvolvemento dos traballos.
O Goberno municipal avanza co plan de melloras nos parques infantís da cidade
O plan de melloras nos parques infantís promovido polo Goberno de Inés Rey avanzou nos últimos meses coa remodelación das instalacións de xogo situadas en Vioño, na praza Casares Quiroga (Elviña), na praza de Pontevedra, a rúa Ribeira Sacra (Novo Mesoiro) e a praza Elíptica (Os Rosales).
En todas elas creáronse prazas adaptadas para nenas e nenos con mobilidade reducida e introducíronse novos xogos inclusivos. Por exemplo, carruseis de aceiro inoxidable que lle permiten o acceso ás e aos menores en cadeira de rodas, semellantes aos xa habilitados tempo atrás nos xardíns de Méndez Núñez, e bambáns-cesto integradores.
Por outra banda, e xa no referente a tarefas específicas de mantemento, a finais de setembro remataron as obras de mellora na área de xogos infantís situada entre as rúas Vila de Cambre e Ángel Rebollo, no barrio de Monte Alto, onde tamén se renovou o firme de caucho. Este tipo de intervencións tamén se estenderon, durante o pasado mes de outubro, á área de xogos do parque infantil do Monte de San Pedro.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible