3 de junio de 2026
O 22 e o 27 do pasado mes foron as dúas xornadas históricas con máis actividade no servizo
O servizo municipal BiciCoruña segue a consolidarse como unha das prestacións máis utilizadas pola cidadanía, tal e como indica o informe parcial do primeiro cuadrimestre do 2026. O documento recolle que entre xaneiro e abril deste ano xa se completaron 714.630 viaxes, un total de case 6.000 usos diarios, co que se supera a media do ano 2025 -que tamén marcou un récord histórico-, situada en 4.742 usos diarios.
"Hoxe xusto é o Día da Bici, e é unha ocasión inmellorable para recordar que xa non se pode entender A Coruña sen este medio de transporte. O Goberno municipal fixo unha aposta clara e contundente por un modelo que potencia e facilita a mobilidade sostible. Grazas a BiciCoruña somos unha cidade máis verde. E as cifras son claras, a cidadanía quere que siga a crecer. O noso modelo funciona moi ben e funciona para todos e todas", subliñou a alcaldesa, Inés Rey.
Ademais, o persoal profesional do servizo adiantou que en dous días do mes de maio superouse por primeira vez a barreira dos 10.000 usos nun só día. Foron o 22 e o 27 de maio, con 10.079 e 10.016 viaxes respectivamente. Abril xa acabou moi preto de chegar a esta cifra, cun pico o día 30 que marcou 9.892 traxectos.
Todos os indicadores apuntan cara ao crecemento exponencial da rede. O mes de abril, por exemplo, marcou o punto de maior actividade de toda a serie histórica. 228.182 usos e 7.606 traxectos diarios. Por poñer en contexto a magnitude das cifras, en abril do 2025 os usos foron 112.553, 3.752 diarios. Isto supón un incremento de máis do 50%.
A fecha de 30 de abril deste ano estaban activos no servizo 18.431 persoas usuarias. Esta gran demanda vai aparellada dun gran despregamento loxístico por parte do Concello. Actualmente, están operativas 79 estacións, 1.462 ancoraxes, e 650-660 bicicletas, 410 con apoio ao pedaleo.
As paradas con maior actividade foron, nesta orde:
Praza de Pontevedra: 33.386 devolucións e 30.869 inicios de traxecto
Porta Real: 29.633 devolucións e 26.832 inicios de traxecto
Casa da Auga: 28.311 devolucións e 26.074 inicios de traxecto
Praza de Tabacos: 22.518 devolucións e 20.943 inicios de traxecto
Casa do Sol: 20.718 devolucións e 20.033 inicios de traxecto
Sen excepción, todos os meses de 2026 marcaron o novo récord da serie histórica respecto aos mesmos períodos dos anos anteriores. Así, xaneiro pasou dos 84.769 usos do ano pasado aos 128.927 deste. Febreiro, de 96.498 a 144.600. Marzo, de 103.970 a 212.921, e abril, de 112.553 a 228.182. "É un éxito e é un orgullo. A mostra de que, cando as cousas se fan ben, a xente responde. A Coruña é, cada vez máis, unha cidade que se pode pedalear de punta a punta", engadiu Inés Rey.
O impacto positivo no medio ambiente de BiciCoruña tamén é palpable. As estimacións apuntan que nestes catro meses de 2026 deixaron de emitirse á atmosfera uns 353.234 kg de CO2, ademais do impacto positivo que ten ao diminuír a contaminación acústica.

28 de mayo de 2026

11 de mayo de 2026

9 de mayo de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible