Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de febreiro de 2025

Cinema por Mulleres A Coruña regresa do 12 ao 30 de marzo con 13 estreas na cidade

O programa completo está formado por 19 películas e un documental, a metade internacionais

O Concello da Coruña organiza desde 2023 Cinema por Mulleres A Coruña, Mostra Internacional de Longametraxes, con motivo da celebración, no mes de marzo, do Día Internacional da Muller. En 2025, a cidade volve apostar polo cinema dirixido por mulleres e celebrará a súa terceira edición do 12 ao 30 de marzo de 2025. Dita mostra, que atrae a un gran número de público, componse dun coidado programa de 10 longametraxes internacionais e 10 españois, realizados nos dous últimos anos, que se proxectarán en Cantones Cines. Ademais, dando inicio á mostra, organízase un encontro de networking de profesionais do audiovisual galego e dunha mesa redonda sobre produción e industria cinematográfica en Galicia. 

"O Goberno de Inés Rey continúa conmemorando o Día da Muller apostando por visibilizar aqueles sectores onde existe unha importante fenda de xénero, como é o caso do cinematográfico, a través de iniciativas singulares e de gran repercusión como este ciclo", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. Afortunadamente, é destacable o protagonismo das directoras, guionistas e produtoras neste rico novo contexto da produción audiovisual galega. 

Para poñelo en valor, organizouse, por segundo ano consecutivo, unha mesa redonda coa participación de grandes profesionais do sector cinematográfico galego. Nesta ocasión, participará Ignasi Camós, director xeral do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), do Ministerio de Cultura, quen, ademais de presentar as iniciativas do Goberno de España en favor da paridade no sector, terá ocasión de departir con profesionais, representantes de organismos e de empresas do sector audiovisual de Galicia o día 12 de marzo ás 12.00 horas.

Ese mesmo día, con entrada libre ata completar aforo, terá lugar a mesa redonda "Galicia: Nós tamén producimos longametraxes" no Centro Sociocultural Ágora ás 18.00 horas. Esta sesión abordará o papel das mulleres na produción cinematográfica galega, destacando as súas achegas e desafíos na industria. Ademais, contará con interpretación en lingua de signos, garantindo un espazo accesible e inclusivo para todos os asistentes.

Participantes:

  • Chelo Loureiro: Directora e produtora de cinema (Ábano Producións).
  • Emma Lustres: Produtora de cinema (Vacas Films).
  • Gonzalo Castro: Concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña
  • Ignasi Camós: director xeral do ICAA, Ministerio de Cultura. Goberno de España.
  • Verónica Buide: Produtora executiva. Avogada. Ex-Presidenta de MIA. (Mulleres na  Industria da Animación).
  • Modera: Alexia Muiños, Directora executiva de EWA (European Women 's Audiovisual Network). 
  • Presentan: Carlota Álvarez Basso e Diego Mas Trelles, directores e fundadores de Cinema por Mulleres A Coruña.

Selección deste ano

As 20 longametraxes que se proxectarán na Coruña conformaron a Competición Española, a Competición Internacional e a película de clausura da VII edición do Festival de Cinema por Mujeres Madrid, que tivo lugar en Madrid do 29 de outubro ao 10 de novembro do 2024. De entre eles, 13 non foron estreados aínda na Coruña, a pesar de ser multipremiados e de ter unha gran acollida por parte da crítica e o público. En poucas palabras, esta variada selección de 19 ficcións (drama, histórica, policial) e un documental, é unha oportunidade única de poñerse ao día sobre a recente produción cinematográfica española e internacional.

As 10 longametraxes internacionais proveñen de Alemaña, Austria, Bélxica, Canadá, Francia, Italia, Romanía, Suecia, México e Reino Unido. Moitos deles foron multipremiados ao longo do pasado 2024, entre eles, proxectarase o gañador do Gran Premio do Xurado en Sundance, Sujo; o  Premio do Público no Fantasia Film Festival de Quebec, Hunting Daze; o Premio do Público no Festival de Munich, premiada ademais no Festival de Tribeca, Samia; e como non, a película gañadora da VII edición do Festival Cine por Mujeres Madrid, gañadora tamén do Gran Premio do Xurado e doutros 2 premios no Festival de Locarno, Mond (Moon), da directora austríaca, nacida en Iraq, Kurdwin Ayub.

Moitas das películas españolas programadas contan tamén con diversos premios: Soy Nevenka, gañadora do Premio Axenda 2030 Euskadi Basque Country no Festival de San Sebastián; Los destellos, Premio Mellor Interpretación en San Sebastián; Nina, Premio da Crítica en Málaga; Salve María, Goya á Mellor actriz revelación, Mención do Xurado e 3er Premio da Mocidade en Locarno e La Infiltrada, gañadora do Goya á Mellor película e Mellor actriz, Premio á Mellor Película Española da VII edición do Festival Cine por Mujeres Madrid. Así mesmo, varias delas foron seleccionadas nos festivais de Málaga, San Sebastián, D'A, As Palmas e a SEMINCI de Valladolid e nomeadas aos Premios Goya. 

Este ano Cinema por Mulleres A Coruña será máis accesible grazas ao subtitulado de 12 das 20 proxeccións e á presenza de Intérprete de Lingua de Signos o día 12 de marzo, durante a mesa redonda no Centro Sociocultural Ágora, e tamén, ese mesmo día, na sesión inaugural en Cantones Cines, con presentación e coloquio posterior con Sonia Méndez, a directora de As Neves.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión