Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

22 de noviembre de 2022

Comeza a segunda edición do programa ‘Máis rápidas, máis altas, máis fortes’, que implicará a máis de 1.800 alumnas e alumnos en actividades deportivas orientadas ao fomento da igualdade

O CEIP Concepción Arenal acolleu hoxe a posta en marcha das actividades, nas que tomarán parte 25 centros educativos da Coruña, máis do dobre dos que solicitaron praza na primeira convocatoria do programa

O CEIP Concepción Arenal acolleu hoxe a presentación da segunda edición do programa municipal 'Máis rápidas, máis altas, máis fortes', unha iniciativa orientada a achegar aos centros educativos da cidade as diversas especialidades deportivas practicadas por mulleres e que, ademais, contribúe a implicar as rapazas e rapaces nas disciplinas deportivas que se desenvolven na cidade.

Este programa, impulsado pola Concellaría de Deportes en colaboración coa Concellaría de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego e o grupo 'Deporte e Muller', adscrito ao Consello Municipal do Deporte, abrangue a posta en marcha de coloquios teórico-prácticos impartidos por referentes femininos no eido do deporte, axudando a que as rapazas e rapaces tomen conciencia da importancia dos hábitos saudables e tamén da oferta deportiva existente na Coruña. O programa enmárcase dentro das políticas postas en marcha polo Gobierno de Inés Rey durante o actual mandato para fomentar a igualdade en todo os ámbitos.

A programación desta segunda edición vai dirixida a 1.866 alumnas e alumnos pertencentes a 25 centros educativos da cidade, en idades comprendidas entre quinto de Primaria e o segundo ano de Secundaria. En termos comparativos, é practicamente o triplo de participantes da primeira edición do programa, que implicou a 649 rapazas e rapaces nas actividades que se levaron a cabo entre abril e xuño deste ano.

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, subliñou "o compromiso do Goberno de Inés Rey para visibilizar o deporte practicado por mulleres en todas as súas especialidades", e puxo en valor a implicación do tecido asociativo para dar continuidade a un programa que neste curso contará coa participación de 21 entidades deportivas -dúas máis que o curso pasado- asociadas a 15 modalidades: artes marciais, atletismo, esgrima, fútbol e fútbol gaélico, halterofilia, montañismo, natación artística, patinaxe en liña, petanca, piragüismo, roller derby, rugby, tenis e ximnasia rítmica. A respecto, Martínez recalcou "o agradecemento do Goberno municipal ás entidades que participan no proxecto, co ánimo de difundir a súa actividade e descubrila a nenas e nenos que quizais non teñan outra vía para acceder a algunha destas especialidades".

As 21 entidades participantes nesta segunda edición son as seguintes: ACD Alquimia Inline, AD Atlética Herculina, As Brigantias, AMI, Club Esgrima 100tolos, Club Esgrima Coruña, Club Halterofilia Coruña, Club Lanzadores Coruña, Club Petanca Coruña, Club Rítmica Coruña, Club Silva, Club Torre, CRAT, Fillos de Breogán, Orzán SD, Coruña Irmandiñas, Graíño Team, SD As Xubias, Sporting Club Casino e ENKI.

A boa recepción do programa 'Máis rápidas, máis altas, máis fortes' tamén foi analizada polo concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín, que destacou o interese amosado polos centros educativos da Coruña para acoller as actividades previstas nesta segunda edición. "Este Goberno municipal é consciente da importancia de fomentar a práctica deportiva e a igualdade entre a cidadanía, e, moi especialmente, inculcala entre as futuras xeracións. Por iso é tan importante escoitar ao profesorado e ao alumnado", explicou. "Froito deste traballo conxunto cos centros educativos, nesta segunda edición do programa tomarán parte máis do dobre dos colexios e institutos que solicitaron praza na primeira edición", concretou Celemín.

'Máis rápidas, máis altas, máis fortes': unha continuidade ao éxito do ciclo 'Coruña Olímpica'

Este programa naceu baseándose no debate xerado entre as entidades que forman parte da comisión de traballo 'Deporte e Muller', integrada no Consello Municipal do Deporte que puxo en marcha o Goberno de Inés Rey en abril do ano pasado.

Ademais, 'Máis rápidas, máis altas, máis fortes' enmárcase nunha liña de colaboración conxunta entre as concellarías de Deportes e Educación baseándose no éxito acadado o ano pasado por 'Coruña Olímpica', un ciclo ideado para dar a coñecer ante o colectivo de estudantes dos centros educativos da cidade a experiencia deportiva e, sobre todo, persoal, de deportistas coruñeses como Sofía Toro, Victorino González, Roberto Naveira, Indalecio Iglesias, Andrés Díaz, Pucho Boedo e Paula Medín, antes, durante e despois dun evento da magnitude duns Xogos Olímpicos.

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión