9 de octubre de 2023
O Concello ten previsto acometer a ampliación da beirarrúa que conflúe coa rúa Agra da Bragua, e tamén a elevación de dous pasos peonís na contorna, para reforzar a seguridade viaria e pacificar o tráfico rodado
O Concello da Coruña comezou este luns as obras para mellorar a accesibilidade na parada de autobús 219, situada ante o número 288 da avenida de Fisterra, no barrio do Ventorrillo.
Os traballos, promovidos pola Área de Economía e Planificación Urbana, permitirán ampliar a superficie peonil nun enclave onde hai un elevado tránsito habitual de viandantes ao confluír, no mesmo punto, unha parada do transporte público urbano e outra correspondente ao transporte metropolitano.
Neste sentido, o Concello acometerá a ampliación e renovación da beirarrúa no treito comprendido entre a rotonda da avenida de Fisterra coa rúa Agra da Bragua, que pasará a ter unha anchura de 4,75 a 4,82 metros. Isto conseguirase gañando espazo sobre a propia calzada, espazo que non perderán tampouco os carrís destinados á circulación rodada -de 3,25 metros de anchura-, xa que se recuperarán suprimindo parte da superficie de separación existente na mediana. Desta forma, manterase a configuración inicial dos carrís da avenida de Fisterra en sentido de saída da cidade, sen que cheguen a estreitarse.
Elevación dos pasos peonís e remodelación dos accesos ás beirarrúas
En paralelo, tamén se acometerá a elevación de dous pasos peonís da contorna. O primeiro, situado ao leste da parada de autobús 219, que habilita o paso a un lado e ao outro da avenida de Fisterra nas inmediacións da rotonda coa rolda de Outeiro. Neste punto, e co obxectivo de reforzar a seguridade peonil e pacificar o tráfico rodado, incrementarase a altura do paso peonil e ampliarase a superficie de paso a seis metros.
A mesma medida acometerase no paso peonil situado no acceso a Agra da Bragua desde a avenida de Fisterra, unha rúa de sentido único que xa forma parte da Zona 30 no barrio do Ventorrillo. Neste enclave, e ademais de elevarse o paso peonil, remodelaranse os accesos á beirarrúa, coa disposición dun novo pavimento que lles facilitará o paso ás persoas con mobilidade reducida. Ademais, está previsto dispoñer lousas podotáctiles en relevo, necesarias para reforzar a orientación das persoas invidentes.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible