3 de julio de 2026
A alcaldesa, Inés Rey, achegouse hoxe ao barrio para informar do inicio desta intervención entre as rúas Simón Bolívar e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, unha das principais demandas da veciñanza nos últimos anos
A primeira fase do Plan de Barrios 2025-27, promovido polo Concello, avanza desde hoxe cunha nova actuación de mellora nos Rosales: o acondicionamento do camiño do Cura, unha senda sen urbanizar que conecta as rúas Simón Bolívar e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, e que agora será remodelada para mellorar a súa accesibilidade peonil.
A alcaldesa, Inés Rey, supervisou hoxe o inicio das obras, que executará a empresa Citanias. O obxectivo, tal e como indicou a rexedora esta mañá, "é adecuar o percorrido e tamén os seus accesos, atendendo ás necesidades e achegas das persoas residentes", sendo como é unha zona de tránsito diario de veciñas e veciños.
Neste sentido, no camiño do Cura está previsto adaptar o firme da senda -que actualmente é de terra- para que pase a ser de formigón, facilitando así que sexa totalmente accesible a persoas con mobilidade reducida. Ademais, ao longo do camiño instalaranse novos elementos luminosos para mellorar a visibilidade na contorna e tamén se ampliarán as áreas verdes que bordean a senda, onde se plantarán novas árbores.
En paralelo, o Concello aproveitará a actuación sobre o camiño do Cura para construír un novo treito de beirarrúa na beira dereita de Simón Bolívar, que conectará directamente co acceso á senda e, de paso, cubrirá a canle de pluviais existente, unha medida necesaria para reforzar a seguridade viaria nesta parte do barrio.
Nesta primeira xornada de traballos, a alcaldesa expresoulle o seu agradecemento á veciñanza dos Rosales "pola compresión e paciencia amosada ao longo destes anos" con respecto á urbanización do camiño do Cura. "Somos conscientes de que foi unha petición recorrente e que se prolongou no tempo máis do que quixeramos", dixo Rey.
A adecuación deste percorrido tiña, ata non hai moito, unha complexidade especial: os terreos polos que transita o camiño do Cura non eran de titularidade municipal. "Houbo que obtelos mediante un acordo coas anteriores propiedades, e completar a súa adquisición para que esta superficie pasase a ser do Concello, un paso indispensable para poder traballar sobre a senda", indicou a rexedora.
O investimento previsto polo Goberno municipal é de máis de 400.000 euros, partida que será cofinanciada con fondos do Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña.
Da pista multideporte ao camiño do Cura: as melloras progresivas no barrio
A urbanización do camiño do Cura permítelle ao Goberno de Inés Rey avanzar co plan de melloras previsto no conxunto do barrio dos Rosales, onde no último ano e medio concretáronse importantes medidas en materia de vivenda, urbanismo e equipamentos.
No primeiro destes eidos, o Concello outorgou licenza para rehabilitar o esqueleto urbanístico da rúa Emilio González López -en abandono desde o ano 2008-, e que agora está a ser recuperado para usos residenciais. E tamén o ano pasado, o Concello cedeulle á Xunta unha parcela de titularidade municipal para facilitar a construción de 58 novas vivendas públicas no barrio, entre Simón Bolívar e Emilio González López. O estudo de detalle correspondente a esta parcela aprobouse onte no pleno.
No referente aos equipamentos públicos, hai un ano abriuse a primeira pista multideporte ao aire libre do barrio, a carón da estrada dos Fortes. E, agora, esta mesma semana, o Concello completou os traballos de renovación do centro cívico municipal, que aparellou melloras na biblioteca, xa reaberta o pasado mes de maio.
También te puede interesar
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible