29 de junio de 2022
Os novos puntos de luz, un total de 40 lámpadas de tipo LED, serán máis eficientes e sostibles que os actuais
Ademais, o persoal municipal terá un control remoto do cadro eléctrico e tamén poderá regular os niveis de iluminación
O Concello da Coruña comezou esta semana os traballos para a renovación integral do sistema de iluminación do obelisco Millenium, avariado desde o ano 2011 e que, once anos despois, volverá ter luz.
A reforma do Millenium, iniciada este martes, permitirá a substitución da instalación luminosa actual por unha máis moderna e eficiente, optimizando o seu funcionamento. Ademais, a empresa Instelec, adxudicataria dos traballos, tamén está a acometer a renovación das balizas de sinalización.
Neste sentido, as obras céntranse, principalmente, no interior do obelisco, a súa estrutura metálica interna, na base de formigón e a contorna do propio Millenium. Esta semana, no contexto do comezo da intervención, desmontáronse os elementos da instalación eléctrica que serán substituídos, que abranguen as lámpadas actuais, os cadros eléctricos e circuítos asociados, así como as tomas de corrente.
Unha iluminación máis eficiente e sostible
A previsión inicial do Goberno municipal é que os traballos para a renovación da iluminación do obelisco Millenium, cun prazo de execución de seis semanas, estean rematados a mediados de agosto.
Os novos puntos de luz, un total de 40 lámpadas de tipo LED, serán máis eficientes e sostibles que as actuais. Destas 40 lámpadas, 21 colocaranse en niveis alternos do obelisco e disporanse tres en cada unha das alturas e lados da pirámide. Por outra banda, instalaranse un total de seis lámpadas no último nivel do obelisco. No orzamento inclúense outras outras seis unidades por se fosen precisas durante a execución dos traballos. Por último, instalaranse outras sete lámpadas, necesarias para os traballos de mantemento no monumento.
O funcionamento normal da iluminación xestionarase a través dun sistema de control por telexestión. Tamén estará dispoñible un centro de mando no propio obelisco, que permitirá actuar de xeito manual ou en remoto. Grazas a este servizo, o persoal municipal terá un control remoto do cadro eléctrico e tamén poderá regular os niveis de iluminación.
A aposta do Goberno de Inés Rey por recuperar os espazos emblemáticos da cidade
Esta actuación está en liña co compromiso do Goberno de Inés Rey para a posta ao día dos grandes símbolos da cidade.
Neste sentido, no pasado mes de maio renovouse o reloxo floral dos xardíns de Méndez Núñez e reabriu o emblemático establecemento hostaleiro Copacabana, dando continuidade ao plan de recuperación dos xardíns de Méndez Núñez iniciado durante o vixente mandato, que tamén supuxo a recuperación do estanque, a Rosaleda e a estatua de Emilia Pardo Bazán. A folla de ruta para o embelecemento e coidado dos xardíns históricos da cidade continúa cos traballos que están en marcha en San Carlos.
Por outra banda, o Goberno municipal tamén acometeu, o ano pasado, a restauración dos reloxos do Obelisco e do Pazo Municipal de María Pita.
13 de abril de 2024
12 de abril de 2024
28 de marzo de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible