3 de abril de 2025
A alcaldesa, Inés Rey, asumirá a presidencia do Consello a inicios do ano que vén, sendo o reitor da UDC, Ricardo Cao Abad, quen encabezará o organigrama nestes primeiros meses
A Sociedade Xestora da Cidade das TIC xa é unha realidade. Así se certificou esta mañá coa celebración da primeira sesión ordinaria do seu Consello de Administración, un acto no que participaron a alcaldesa, Inés Rey, e o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao Abad, e que abre camiño á folla de ruta plantexada pola Concello e a UDC co obxectivo de dinamizar e impulsar o polo tecnolóxico de Pedralonga.
A sesión tivo lugar na Sala Cluster TIC do Centro de Servizos Avanzados, e permitiu concretar o organigrama que encabezará o Consello de Administración nesta primeira etapa. Será Ricardo Cao Abad quen ostentará a presidencia ata finais de ano e, xa a comezos do 2026, a alcaldesa collerá o seu testigo á fronte do mesmo.
Neste sentido, o Concello está representado no Consello de Administración por José Manuel Lage, concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica; Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade; Emma Cid, directora de Área de Gabinete da Alcaldía; e Manuel Ángel Jove, director da Área de Administración Xeral.
Pola súa banda, a representación da Universidade da Coruña recae nas seguintes persoas: o reitor, Ricardo Cao; pola secretaria Xeral da UDC, Marta García, e polo vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas.
Serán facultades do Consello de Administración, entre outros aspectos, a dirección e xestión dos negocios da sociedade de xestión da Cidade das TIC e a toma de decisións de actuacións para a consecución dos obxectivos do dito órgano, que son a promoción e o impulso do proxecto.
Rey e Cao Abad coincidiron na posta en valor dos avances que está a experimentar a Cidade das TIC nos últimos meses, coa incorporación de novos equipamentos que permitirán dar un pulo ás iniciativas empresariais e tamén en materia de investigación que xa se están xestando en Pedralonga, con énfase no desenvolvemento do sector TIC e tamén do tecido audiovisual.
É o caso dos novos platós que se habilitarán en dous dos edificios da antiga Fábrica de Armas. Esta mesma semana, a Xunta de Goberno Local concedeu os permisos necesarios para facilitar a construción dos edificios que acollerán estes estudios inmersivos. Ocuparán dúas parcelas que suman 6.640 metros cadrados. Os traballos previstos pola empresa promotora contan cun orzamento de execución conxunto de 4,1 millóns de euros e un prazo de execución de 36 meses.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible