11 de junio de 2026
Inés Rey: “Desde o Goberno municipal queremos que as artistas poidan ter espazos para producir, mostrar, encontrarse e dialogar coa cidade”
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta tarde o acto de apertura da mostra colectiva de Estudios Abertos. A exposición concíbese como unha actividade complementaria ás xornadas de portas abertas nos estudios, celebradas esta pasada fin de semana, ofrecendo unha visión conxunta e representativa do traballo dos e das artistas participantes. A través de máis de 60 artistas, albergados en 56 estudios, a mostra permite achegarse á diversidade de prácticas artísticas que conforman o panorama creativo da cidade da Coruña.
"Desde o Goberno municipal queremos seguir acompañando os procesos de creación das coruñesas e coruñeses. Queremos que as artistas e os artistas poidan ter espazos para producir, para mostrar, para encontrarse e para dialogar coa cidade", indicou Inés Rey, que estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Tamén participou no acto o comisario Nilo Casares, ao que a alcaldesa agradeceu o seu traballo nesta mostra, que "Esixe escoita, respecto, criterio e capacidade para ordenar sen reducir, para acompañar sen impoñer, para compoñer unha lectura común sen borrar a singularidade de cada obra nin de cada traxectoria".
Na exposición están representadas distintas disciplinas, como pintura, escultura, fotografía, ilustración, cerámica e propostas de carácter multidisciplinar, reflectindo a riqueza de linguaxes e enfoques presentes entre os e as creadoras locais. "Coas xornadas desta pasada fin de semana, Estudos Abertos abre unha nova etapa. Máis conectada coa cidade e descentralizada ao longo dela e tamén máis acorde coa madurez dun proxecto que leva anos demostrando a forza do tecido artístico coruñés", engadiu Rey.
Este proxecto expositivo ten como finalidade reforzar a visibilidade do tecido artístico coruñés, ao tempo que facilita un espazo de encontro entre artistas e cidadanía. Así, complétase a experiencia de Estudos Abertos, ampliando o acceso ás obras e contribuíndo a unha mellor comprensión dos procesos de creación contemporánea desenvoltos na cidade.
O Goberno de Inés Rey reforzou este ano este programa coa ampliación a dúas xornadas de portas abertas, ofrecendo á cidadanía unha maior marxe para visitar os estudios e ás persoas artistas unha maior visibilidade da súa obra e dos seus procesos creativos. Ademais, este 2026 bateuse o récord de estudios participantes con 55.

12 de junio de 2026

11 de junio de 2026

10 de junio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible