8 de abril de 2019
O alcalde expuxo no Día das Cidades que Nacións Unidas celebra en Xenebra os programas municipais para o apoio de colectivos vulnerables
O alcalde, Xulio Ferreiro, participou esta mañá no Día das Cidades que celebra Nacións Unidas en Xenebra, un encontro con outras 40 urbes do mundo no que o rexedor defendeu que os municipios, que albergan ao 75% da poboación mundial, "están obrigados a construír cidades saudables e dinámicas e a mirar máis alá das súas competencias estritas". "Debemos facelo a través das políticas públicas que sexamos capaces de financiar, soster, avaliar e compartir con todos os actores implicados", afirmou en referencia ao proceso de creación dunha axenda urbana no que está inmerso o Concello da Coruña. Así, Ferreiro apelou a que "non é posible analizar a realidade local sen ter en conta a global" para animar ás cidades a establecer estratexias propias "adaptadas ás necesidades e ao contexto de cada cidade" xa que, dixo, "agora depende das cidades que o cumprimento dos ODS sexa algo máis que unha declaración de intencións".
"Tanto Nacións Unidas, como o resto de entidades internacionais, teñen claro que este vai ser o século das cidades. Seguindo este postulado, o Concello da Coruña elabora, de maneira pioneira dentro de Galicia e de España, unha axenda urbana propia que nos servirá para implementar políticas que aposte polo crecemento económico sostible, a cohesión social, a loita contra a desigualdade e a batalla contra o cambio climático", relatou. O encontro, organizado pola Comisión Económica das Nacións Unidas para Europa no Palacio das Nacións en Xenebra, ten como obxectivo compartir coñecementos e boas prácticas das diferentes cidades para avanzar cara a nun modelo de cidade máis sostible e que poida proporcionar unha maior calidade de vida aos seus e as súas habitantes.
Ferreiro interveu na sesión que abordou as políticas de vivenda, infraestruturas e servizos básicos para os colectivos máis vulnerables das cidades, na que deu conta dalgúns dos programas e iniciativas que se seguen na Coruña dende diferentes áreas de atención. Así, o alcalde explicou medidas como a Renda Social municipal, as axudas de emerxencia ou o centro Abeiro de baixa esixencia para persoas en situación de rúa, "que abordan e cobren as necesidades máis inmediatas das persoas en situacións de exclusión social", así como outras iniciativas máis estruturais que teñen en conta aos colectivos vulnerables da cidade, dende a introdución de exencións nas taxas e impostos municipais, como é o caso das Escolas Infantís municipais, ata a inclusión de cláusulas sociais nos contratos do Concello "para garantir a estabilidade e a seguridade laboral, así como unhas boas condicións, das persoas que realizan servizos municipais". O rexedor mencionou tamén a "relevancia de manter en calquera das iniciativas municipais unha visión social que axude a paliar condicións de desigualdade". Neste sentido, explicou que a baixada de tarifas do autobús urbano, bonifica especialmente a familias con nenos e nenas e os billetes sociais, así como ás persoas que precisan facer transbordos, "o que garante a accesibilidade a servizos e a mobilidade da poboación independentemente de onde vivan".
A xornada rematará coa recepción ofrecida polo alcalde de Xenebra aos rexedores e rexedoras que asisten ao Día das Cidades e que terá lugar no museo Ariana ás 18.30 horas.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible