20 de octubre de 2023
Do 1 de novembro ao 3 de decembro a cidade acollerá espectáculos de teatro, música e danza, exposicións, cinema e encontros culturais gratuitos e para todas as idades
A concelleira da área de Benestar Social, Yoya Neira, presentou esta mañá a sétima edición do Festigual, que ofrecerá unha quincena de espectáculos e eventos culturais do 1 de novembro ao 3 de decembro, data na que se conmemora o Día Mundial das Persoas con Discapacidade. Todos os espectáculos son gratuítos e ata completar capacidade. Neira estivo acompañada de Avia Veira, deputada provincial; o músico Robert Pier, de TresxCuatro; e a saxofonista Sophie Simonds. Á presentación asistiu tamén Belén Rey, directora de comunicación da Fundación María José Jove.
"Festigual segue apostando por unha arte para todos, no que todos poidamos ser artistas e espectadores e abrir as nosas mentes para que a cultura sexa cada vez máis transversal e accesible", sinalou Neira. "Nesta sétima edición Festigual dá un paso máis aló na inclusión e non só acollerá expresións artísticas de persoas con diversidade funcional. Tamén abrirá a porta a outros tipos de inclusión, en todos os ámbitos e en todas as franxas de idade", engadiu.
Nese sentido, destaca o espectáculo que pechará o festival o día 3 de decembro no Ágora, un concerto de Pandereteiras Sen Fronteiras (Pan Sen Fron), que tras percorrer o mundo vén á súa cidade para presentar un espectáculo no que traballou cos veciños e veciñas do barrio do Campanario e que fusiona a música tradicional galega coa riqueza da cultura xitana.
Festigual fíxase este ano tamén noutros sectores vulnerables. É o caso dos mozos e mozas que viven en pisos tutelados. A obra teatral "Soños", escrita por dúas persoas que coñecen ben esta realidade, está destinada a centros escolares e poderase ver o 22 de novembro no CC Os Mallos.
Tamén para os centros escolares, pero para os nenos máis pequenos, está programado o espectáculo "E meu amigo?" de Caxoto e Xema Santos o 30 de novembro no CC Os Mallos. Dentro desta aposta pola inclusión destaca tamén un espectáculo para toda a familia, o musical "Dumbo", no que o famoso conto popularizado por Disney serve para falar do acoso escolar e as súas consecuencias. Será no Teatro Colón o 1 de decembro ás 18.00 horas.
Ademais destas novidades, retorna a gala "Música baixo as Estrelas", no que se volven a subir ao escenario artistas da rúa da nosa cidade tan coñecidos xa como Sophie Simmonds, Krece, Tecla Negra e que contarán este ano coa intervención de Píscore, un dos grupos teatrais que mellor fusiona música e humor. Será o 1 de novembro no Teatro Colón ás 19.00 horas.
Haberá de novo espazo para a danza inclusiva con Experimentadanza que nesta edición de Festigual ten ademais unha colaboración coa banda municipal ao redor de Picasso que poderá verse no Ágora o 8 de novembro e que tamén visitará distintos centros escolares. A banda municipal este ano vai participar tamén co grupo TresxCuatro e Robert Pier nun concerto de música inclusiva no Teatro Colón o 23 de novembro ás 20.00 horas
En cinema hai unha estrea: o documental de Iría Grajal sobre a musicoterapia e os seus efectos beneficiosos sobre as persoas con discapacidade que poderá verse o 3 de novembro na Fundación Abanca ás 18.00 horas.
Como en anteriores edición, hay persoas e entidades da cidade que achegan sempre os seus proxectos artísticos a Festigual: Poten100mos, Participa, Proxecto Máscara e a asociación cultural Negus. Tamén a Once e o seu grupo de teatro Valacar e outras institucións como o Colexio de Médicos, que ofrece unha xornada de arte e saúde o día 1 de novembro.
Pola sua banda, a Sociedade Filatélica da Coruña promove a exposición "Un xenio volve á casa" do 30 de novembro ao 17 de decembro na Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga. Tamén os Amigos do Museo de Belas Artes estarán o 15 de novembro no teatro Colón e o 3 de decembro no Ágora para que os asistentes aos espectáculos deses dous días poidan vivir a experiencia do seu museo virtual. Esta actividade tamén é de balde, mais hai que anotarse na web.
"Un ano máis, Festigual ofrece un programa moi completo, de alta calidade artística, para todas as idades e que demostra que esta cidade, tamén na expresión artística, non deixa ninguén atrás", rematou Neira.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible