29 de septiembre de 2022
A alcaldesa presentou a programación, que comezará co pregón a cargo do xornalista Luis Pousa
A banda madrileña Los Enemigos ofrecerá un concerto o día 7 no Parrote
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, puxo hoxe en valor o salto de calidade da programación das festas do Rosario, que este ano impulsan a súa vertente máis cultural sen abandonar por iso as tradicións máis destacadas dos festexos da Cidade Vella.
Inés Rey destacou que tal como ocorreu coas festas de María Pita, o programa de actos buscou a excelencia. "Excelentes foron as festas de verán, como reflicten os datos de asistencia e de rendibilidade económica que resaltaron os propios sectores hoteleiros e hostaleiros, e excelentes serán as festas do Rosario", indicou no acto de presentación do programa esta mañá no Concello.
Os actos pretenden conxugar a tradición coa modernidade, tal como se fixo coas festas de agosto, pero en todo o caso a rexedora quixo resaltar o salto cualitativo que se produce cun contido eminente cultural, porque a Cidade Vella, a súa historia, ou seu valor patrimonial, é de seu sinónimo de cultura, tal como lembrou.
Esta faceta faise visible xa desde o propio momento do pregón, que correrá a cargo do xornalista Luís Pousa, xefe de sección de Cultura de "La Voz de Galicia" e veciño da Cidade Vella. Será o día 6 de outubro, ás 20.30 horas, na praza de Azcárraga, tras un concerto de Amizades e antes da actuación de Os do fondo da barra, cantareiros de Xacarandaina.
O ciclo de concertos Noites na Cidade Vella, que se desenvolven mediante un convenio establecido entre o Concello e a Fundación Rogelio Groba, permitirá poñer en valor a nosa cultura e o noso patrimonio musical. Serán seis concertos na Reitoría, a Fundación Luís Seoane, Capitanía, Museo de Belas Artes e igrexa de Santo Domingo, coa presenza de destacados intérpretes, como as pianistas Chloe Jiyeong, Giorgia Cecconi e o dúo Índigo, ademais do cello Joaquín Fernández, e a mellor das músicas de cámara, con Ensemble Groba e a Orquestra de Cámara Galega, que pechará este ciclo.
A programación das festas fai unha clara aposta pola música en todas as súas vertentes co grupo Amizades e Os do Fondo da Barra o día 6, coa presenza da Banda Municipal, en concerto popular o día 8, e a Escola Municipal de Música, cos seus combos de música moderna o día 9.
Con todo, o concerto central será o ofrecido por Los Enemigos, que terá lugar o día 7 ás 23.00 horas no Parrote. A actuación da banda madrileña, creada en 1985 e liderada por Josele Santiago, será co seu rock urbano unha das atraccións da programación.
Durante os catro días de festas, do 6 ao 9 de outubro, non faltarán as verbenas e as sesións vermú, neste caso coa presenza de Sito Sedes, o grupo Checkan, Tres Cover Band, Versionettes, Exit, Greasy Belly e Los Alcántara, que actuarán eses días en diferentes localizacións da Cidade Vella.
O variado programa complétase con actividades deportivas e cunha serie de actos orientados fundamentalmente para o público infantil, con inchables, maxia, contos e espectáculos musicais dedicados aos e ás máis pequenas.
Na presentación da programación estiveron presentes o presidente da asociación de veciños da Cidade Vella, Leonardo Méndez, e o vicepresidente da Fundación Rogelio Groba e director artístico do ciclo Noites na Cidade Vella, Rogelio Groba, entidades ás que a alcaldesa agradeceu a súa colaboración para a elaboración e o desenvolvemento do programa.
26 de abril de 2024
26 de abril de 2024
26 de abril de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible