Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

23 de mayo de 2022

O concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, presentou hoxe a Memoria Anual 2021 da Policía Local

Inés Rey preside o acto institucional pola festividade da Policía Local: “Os seus efectivos xogan un papel fundamental, estando preto da rúa e da cidadanía”

A alcaldesa puxo en valor “o enorme traballo desenvolto polos seus efectivos ao longo do 2021”, no contexto da pandemia

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou hoxe, na celebración do acto institucional pola festividade da Policía Local, "o enorme traballo que desenvolveron os efectivos do corpo ao longo do 2021", nun contexto complexo no que comezaron a facerse visibles as consecuencias sociais e económicas da pandemia da COVID-19. 

Durante o acto, levado a cabo no Salón de Sesións do Pazo Municipal de María Pita, Inés Rey puxo en valor o esforzo da Policía Local para estar ao carón da cidadanía, "máis preto que nunca da rúa e da cidadanía, e xogando un papel fundamental para identificar ameazas e apoiar o resto de corpos de seguridade". A alcaldesa recordou, a este respecto, a necesidade de reforzar o corpo con novo persoal, "por iso na oferta pública de emprego aprobada para 2022 incluímos 20 novas prazas de policías locais".

Inés Rey quixo destacar, ademais, o traballo conxunto executado polo Concello e a Policía Local, indo da man para loitar contra a violencia de xénero. "As detencións levadas a cabo no ano pasado foron 197, e preto dun 30 % foron por este motivo, un dato inasumible que nos debe facer reflexionar como sociedade". Por outra banda, Inés Rey apuntou ao compromiso do Goberno local "para garantir que o ocio nocturno cumpra coa normativa para poder compatibilizar o descanso da veciñanza". Durante o ano 2021, as intervencións da Policía Local en establecementos de ocio foron 289.

Inés Rey estivo acompañada por Juan Ignacio Borrego, primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá; Manuel Carlos García Touriñán, director da Área de Seguridade Cidadá; José Antonio Brandariz, xefe da Policía Local; Juan Francisco Arrazola, xeneral xefe do Mando de Apoio á Manobra; Fernando Suanzes, fiscal xefe superior de Galicia; María Rivas, subdelegada do Goberno na Coruña; e Santiago Villanueva, director xeral de Emerxencias e Interior e da Academia Galega de Seguridade Pública.

Durante o acto, ademais, foron homenaxeados coa Medalla ao Mérito Policial con distintivo azul o inspector Francisco Carro Rey, o oficial Rubén Álvarez Hermida e os policías Juan Manuel Fernández Rodríguez, Osiris Amorín Rodríguez e Roberto Sánchez Ramos. O obxectivo desta distinción é destacar a aqueles axentes que sobresaíron con notoriedade e perseveranza no cumprimento dos seus deberes no cargo. 

Ademais, seis persoas da Administración pública alleas ao corpo policial recibiron felicitacións públicas por parte do Concello. Trátase de Beatriz Pacios Yañez, fiscal delegada de Menores da Fiscalía Provincial da Coruña; Luis Francisco Rodríguez Martínez, xeneral de brigada e xefe da 15ª zona da Garda Civil; Miguel Ángel Gervás Camacho, que foi xefe do corpo de Policía Local da Coruña; Manuel Álvarez de Cascos, inspector da Policía Nacional da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá; Javier Teijido Barreiro, inspector da Policía Autonómica; e Ramiro Martínez Rodríguez, director do Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste.

Tamén foi homenaxeado, polos seus 30 anos de servizo na Policía Local, Juan Ramón Martínez del Río. E finalmente, rendéuselles homenaxe a Ángel Ramón de la Iglesia Romero, Luciano Ron López, Pedro Eugenio Recio Torres, Juan Carlos Buján Martínez, Manuel Fernando Cernadas Vázquez, Juan Carlos Pazos Vázquez e Víctor Manuel Pérez Martínez, policías locais xubilados no ano 2021. 

O balance de actividade da Policía Local durante o ano 2021

O Salón Real do Pazo Municipal de María Pita acolleu, a continuación do acto de homenaxe pola festividade da Policía Local, a presentación da memoria de actividades do corpo durante o ano pasado. 

O concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, fixo balance dun ano marcado pola conclusión do estado de alarma decretado polo Goberno central por mor da pandemia. "Os efectivos da Policía Local levan a cabo un traballo constante, en ocasións imperceptible aos nosos ollos, pero moi necesario", valorou. 

Neste sentido, das 197 detencións practicadas o ano pasado, un 46,5 % foron realizadas en turno de noite, unha quenda que foi reorganizada e reforzada trala pasando de 52 a 60 axentes. Ademais, o turno de noite realizou un total de 285 intervencións por ruídos.

Borrego valorou tamén o esforzo da centralita telefónica da Policía Local, a través do número 092, atendendo un total de 100.826 chamadas ao longo do ano pasado. "Isto demostra que a cidadanía confía nos servizos da Policía Local. Falamos dun contexto de variacións e restricións en distintas fases da pandemia, unha casuística que convén ter en conta", afirmou.

Por outra banda, Juan Ignacio Borrego e o director da Área de Seguridade Cidadá, Manuel Carlos García Touriñán, detallaron polo miúdo as actuacións da Policía Local como Policía Xudicial (433, das que 133 foron por motivos de seguridade viaria e 59 por violencia de xénero); como Policía Administrativa (609), en relación ao Tráfico (1.220); e tamén as actuacións asociadas á Área de Medio Ambiente (1.138, das que 546 foron por vehículos abandonados e 388 por control de animais).

Ademais, a Oficina Municipal de Obxectos Perdidos, xestionada pola Policía Local, rexistrou a entrada de 6.109 obxectos extraviados, dos que se entregaron 3.750 aos seus lexítimos propietarios.

A análise da actividade policial

Durante o ano 2021 incrementouse o número de detencións levadas a cabo pola Policía Local. En concreto, grazas ao Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén). Tamén se detectou un aumento das intervencións asociadas a servizos de auxilio á cidadanía.

Por outra banda, e en materia de tráfico e seguridade viaria, o concelleiro Juan Ignacio Borrego avogou por reforzar a aposta pola concienciación entre a cidadanía "e traballar polo civismo e a empatía, redobrando esforzos para garantir a seguridade de todas e todos ao volante".

Noutra orde de asuntos, e en comparación co ano 2020, baixaron as denuncias en materia de ruídos e tamén as queixas por actuacións policiais.

A renovación dos equipos tecnolóxicos da Policía Local

O Goberno municipal presentou a mediados de xaneiro os novos equipos tecnolóxicos de última xeración que reforzaron a Policía Local, equipos nos que o Concello da Coruña executou un investimento superior aos 100.000 euros coa finalidade de dotar de máis medios de vixilancia e prevención a Unidade de Tráfico e a Unidade de Convivencia e Seguridade. Ademais, a maiores da partida xa referida, a Policía Local adquiriu dous novos vehículos de control, adscritos á Sección de Disciplina Viaria.

Categorías de la noticia

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión