28 de abril de 2025
A alcaldesa supervisou o resultados duns traballos que supuxeron un investimento de 430.000 euros
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, supervisou o remate dos traballos de mellora do campo de fútbol municipal Víctor Fernández Alonso, coñecido popularmente como a Leyma. O Goberno municipal deseñou esta actuación atendendo as peticións da Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña (AFAC), executando obras cun orzamento de 430.000 euros.
"Amosamos unha vez máis o noso compromiso co deporte local e cos clubs de fútbol afeccionado da Coruña ao levar a cabo unha obra moi demandada polo tecido futbolístico coruñés, que se suma a outras xa executadas na Torre ou Eirís", apuntou Inés Rey durante a visita. O estado do terreo de xogo existente anteriormente dificultaba a adecuada práctica do fútbol, polo que se decidiu levar a cabo unha actuación integral.
Os traballos supuxeron a mellora xeral desta instalación deportiva ao aire libre, onde xa foi renovado con anterioridade o sistema de iluminación, pasando a ser de tecnoloxía led de baixo consumo, reducindo á metade o gasto enerxético e mellorando a iluminación. Nesta ocasión, a actuación consistiu na renovación do céspede artificial e do peche perimetral. A superficie de xogo pasa a ser un céspede artificial de última xeración, de 40 milímetros de altura con recheo de area e caucho colocado sobre unha base elástica. Tamén se substituíron as porterías de fútbol 11 e fútbol 7, así como as marquesiñas dos bancos. Aproveitando a actuación, creouse unha nova zona de adestramento e quecemento en céspede artificial tras a zona de grada. Ademais, tamén se remodelou a rede de rego existente actualmente, que pasa a incorporar un programador automático. A auga da chuvia e rego recollerase no depósito da instalación para a súa reutilización para o rego, co conseguinte aforro do consumo de auga da rede.
Outra das medidas destacadas é a intervención nos espazos de paso ao edificio dos vestiarios, onde se renovou o firme. A maiores, construíuse unha rampla de acceso á zona de entrada ás bancadas, o que lles facilitará o acceso ás persoas con mobilidade reducida. Por outra banda, o Concello saneou o muro perimetral do campo, e renováronse tanto o balado sur como as redes perimetrais que evitan a saída de balóns aos espazos exteriores do campo.
Con esta actuación, o Goberno de Inés Rey continúa a desenvolver o plan de mellora das instalacións deportivas municipais. Nese sentido, xa está en fase de elaboración e consulta o Plan Director de Instalacións e Equipamentos Deportivos, co que se busca adecuar e mellorar os espazos deportivos de titularidade municipal e establecer unha folla de ruta que determine as futuras necesidades da cidade neste eido.

21 de abril de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible