23 de septiembre de 2026
A alcaldesa participou na Noite de Embaixadores, onde destacou a contribución dos congresos e eventos profesionais á desestacionalización turística e ao desenvolvemento económico da cidade
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou esta noite nunha nova edición da Noite de Emaixadores, un encontro organizado para recoñecer o labor das persoas e entidades que contribúen a promover a cidade como destino de referencia para a celebración de congresos, convencións e eventos profesionais. Durante o acto, organizado por A Coruña Convention Bureau, recoñeceuse o labor de profesionais e institucións que contribuíron de forma decisiva á captación de eventos para a cidade. Nesta edición, os Premios Embaixadores A Coruña MICE distinguiron á María Victoria de Rojas, xefa do Servizo de Oftalmoloxía do CHUAC e presidenta da SECOIR, e a Pedro J. Marcos, xefe do Servizo de Pneumoloxía da Área Sanitaria da Coruña e Cee, ambos na categoría de evento nacional. Na categoría internacional foi recoñecido o catedrático da Universidade da Coruña Ricardo García Mira, mentres que a Universidade da Coruña recibiu o Premio Embaixador Honorífico MICE 2026 polo seu papel como motor científico, académico e cultural da cidade e pola súa contribución á proxección internacional da Coruña.
Durante a súa intervención, a rexedora puxo en valor o papel estratéxico do turismo MICE (reunións, incentivos, congresos e eventos) como ferramenta para reforzar a proxección internacional da cidade, dinamizar a economía local e avanzar cara a un modelo turístico máis equilibrado ao longo de todo o ano. "A Coruña é unha cidade aberta ao mundo, con capacidade para atraer visitantes grazas ao seu patrimonio, á súa cultura, á súa gastronomía e á súa calidade de vida. Mais o turismo MICE achega un valor engadido fundamental porque permite atraer talento, coñecemento e actividade económica máis alá das tempadas vacacionais tradicionais", indicou.
A alcaldesa destacou que ao longo deste ano a cidade acolleu 49 congresos e eventos profesionais que reuniron máis de 132.900 participantes, unha actividade que tivo un impacto directo sobre o conxunto da economía local. Ademais, lembrou que o Consorcio de Turismo e Congresos prestou apoio directo a 23 destes encontros, reforzando a capacidade da cidade para captar e organizar citas de relevancia nacional e internacional. A rexedora tamén fixo referencia á celebración na Coruña do MIS International, que terá lugar por primeira vez en Galicia e converterá a cidade nun escaparate internacional para organizadores e responsables de eventos de todo o mundo.
Rey tamén destacou a celebración do Dataforum Justicia 2026 como unha das grandes citas profesionais impulsadas na cidade, ao entender que "eventos deste nivel consolidan a Coruña como referente en innovación, coñecemento e transformación dixital, ao tempo que reforzan a nosa capacidade para atraer visitantes e actividade económica durante todo o ano".
A alcaldesa destacou que A Coruña viviu un verán que volveu confirmar o enorme atractivo da cidade. "A Coruña consolidou en 2026 os excelentes resultados turísticos do ano pasado, liderando a ocupación hoteleira entre as cidades galegas e cunha media superior ao 84% durante os meses de verán. Máis de 105.000 viaxeiros aloxáronse nos nosos hoteis en xuño e xullo e máis de 1,5 millóns de persoas participaron na programación cultural e de ocio impulsada polo Concello", indicou. "Son datos que reafirman o papel da Coruña como gran polo turístico do noroeste peninsular, pero tamén nos lembran a importancia de seguir reforzando a actividade durante o resto do ano a través de ferramentas como o turismo MICE", engadiu.
Inés Rey subliñou que a desestacionalización continúa sendo un dos grandes retos para os destinos urbanos. Neste sentido, destacou a importancia dos eventos profesionais para distribuír a chegada de visitantes ao longo de todo o calendario, favorecer a actividade de hoteis, restaurantes e comercios durante os meses de menor afluencia turística e impulsar un modelo máis sustentable. "Queremos seguir sendo un destino atractivo no verán, pero tamén unha cidade viva, dinámica e con oportunidades os doce meses do ano. Os congresos e eventos profesionais son fundamentais para avanzar nese obxectivo", afirmou.
A alcaldesa tamén incidiu na importancia das infraestruturas e da conectividade aérea para consolidar o posicionamento da Coruña como destino MICE. Neste sentido, lembrou o traballo desenvolvido polo Consorcio de Turismo para reforzar as conexións do aeroporto de Alvedro, que contará a partir do mes de outubro con voos directos a Málaga, Valencia, Bilbao, Sevilla e Alacante. Ademais, avanzou que proximamente se anunciarán novas conexións internacionais. "Para seguir medrando como destino de congresos e eventos precisamos as máximas facilidades de conexión. Por iso seguiremos traballando para reforzar a conectividade da cidade e reclamando ao Estado a ampliación e mellora de Alvedro, un aeroporto que está a rexistrar un importante crecemento impulsado, entre outros factores, polo turismo profesional e de negocios", sinalou.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible