13 de septiembre de 2026
A XIII edición da proba do circuíto Coruña Corre reuniu a un milleiro de participantes este domingo
Tras o parón de verán, este domingo retornou a actividade do circuíto de carreiras populares Coruña Corre coa celebración da XIII edición da Volta a Oza. Un milleiro de persoas participaron esta mañá na proba, que percorreu os barrios dos Castros, O Castrillón e Eirís, con saída e chegada na contorna do parque de San Diego.
Jorge Sieira e Noa Mirantes proclamáronse gañadores da categoría absoluta. No apartado masculino, Sieira cruzou a liña de meta cun tempo de 21:53, seguido de Daniel Fuentes, segundo clasificado cun rexistro de 22:20, e Alejandro Serrano, terceiro con 22:25. Na categoría feminina, Noa Mirantes acadou a vitoria cun tempo de 25:56, mentres que Inés Papín e Noelia Papín completaron o podio na segunda e terceira posición, con rexistros de 27:51 e 28:03, respectivamente. Todos os resultados das diferentes categorías disputadas esta mañá poden consultarse na web de Coruña Corre.
"O circuíto Coruña Corre retomou hoxe a competición cunha nova edición dunha das súas probas máis consolidadas, cun milleiro de participantes que evidencian a gran acollida do deporte popular na nosa cidade e o compromiso da Coruña coa práctica deportiva e cos hábitos de vida saudable", sinalou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez.
A carreira absoluta arrincou ás 10.00 horas cun percorrido de 6.250 metros que combinou treitos de asfalto e terra. Desde o parque de San Diego, o itinerario levou as persoas participantes por puntos como a avenida da Concordia, os parques de Eirís e Oza e a rolda de Outeiro antes de regresar á contorna de San Diego.
Tras a proba absoluta foi a quenda das categorías inferiores, con carreiras adaptadas ás diferentes idades desde a categoría sub-18 ata Peques, que pechou a programación deportiva coa súa saída ás 12.30 horas. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, participaron na entrega de premios ás persoas gañadoras.
A celebración da Volta a Oza coincidiu esta fin de semana coas festas populares do barrio, que se desenvolveron entre o venres 11 e este domingo 13 de setembro dentro do programa municipal de Festas de Barrio. Tras a mañá de Coruña Corre, a programación festiva continuou este domingo cunha sesión de carácter familiar, entre as 13.30 e as 17.00 horas, coas actuacións de Los Alcántara e El Jaleo de Lía.
As Festas de Oza forman parte do programa municipal de Festas de Barrio, co que o Concello apoia as celebracións populares nos distintos distritos da cidade e para o que o Goberno de Inés Rey destina este ano 500.000 euros ás asociacións veciñais.
Coa Volta a Oza completouse a quinta das sete probas que integran o XIII Circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre 2026. O calendario continuará coa XII Carreira Popular do Ventorrillo, prevista para o 25 de outubro, e concluirá coa XIV Carreira Popular de Novo Mesoiro, o 22 de novembro.

12 de septiembre de 2026

11 de septiembre de 2026

5 de septiembre de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible