1 de junio de 2026
A actriz coruñesa Lucía Veiga será a encargada de dar o pregón que dará inicio ás celebracións
A cantante presentará na Coruña o seu novo espectáculo ‘Me voy a permitir’, o traballo máis ecléctico da súa carreira
A Coruña inaugurará o vindeiro 1 de agosto as Festas de María Pita co pregón de Lucía Veiga e a actuación de Luz Casal. A alcaldesa, Inés Rey, anunciou estas primeiras confirmacións das Festas de María Pita. "Iniciamos por todo o alto as celebracións de agosto na cidade, cunha das grandes voces da música estatal e un dos rostros máis coñecidos do audiovisual galego", indicou Rey. A cantante de Boimorto será a primeira artista do programa festivo, nun concerto co que dará comezo un mes de actividades culturais e musicais en diferentes espazos da cidade. Antes, a actriz coruñesa e presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, será a responsable de dar o pregón desde o balcón do Palacio Municipal de María Pita.
Luz Casal presentará o seu novo espectáculo, 'Me voy a permitir', un proxecto no que ofrece "o traballo máis ecléctico e inclasificable da súa carreira", no que amosa dez formas de entender o mundo a través de dez cancións. A artista reivindica neste directo a liberdade creativa e a súa capacidade para transitar entre estilos, desde a chanson francesa ao rock, consolidándose como unha das intérpretes máis versátiles do panorama musical.
Este novo espectáculo configura unha ponte entre pasado e futuro, na que Luz Casal reafirma a súa condición de compositora intuitiva e intérprete excepcional, capaz de habitar cada canción con personalidade propia. Cunha traxectoria consolidada e o recoñecemento do público e da crítica, a artista será a encargada de abrir "un cartel que converterá A Coruña nun referente cultural durante todo o mes de agosto", indicou Inés Rey.
Ademais, as festas arrancarán oficialmente co pregón da actriz coruñesa Lucía Veiga, que asumirá o papel de pregoeira nesta edición. Coa súa participación, o Concello aposta por unha figura destacada da cultura galega contemporánea para dar inicio ás celebracións, reforzando o vínculo entre a programación festiva e o talento local.
Lucía Veiga (A Coruña, 1979) é unha actriz dos Mallos cunha sólida traxectoria no teatro, o audiovisual e a comedia. Formada en interpretación e cunha destacada presenza na escena galega, combinou ao longo da súa carreira montaxes teatrais con participación en series e programas de televisión, onde acadou gran popularidade polo seu talento para a interpretación e o humor. Nos últimos anos consolidouse tamén como unha das voces máis recoñecibles da comedia en Galicia, cun estilo persoal que mestura retranca, frescura e crítica social, converténdose nunha figura moi querida polo público. Un dos grandes fitos da súa carreira foi a súa candidatura para os Premios Goya polo seu papel en 'Soy Nevenka'.
As Festas de María Pita volverán ofrecer un amplo programa de concertos, actividades culturais e propostas para todos os públicos, consolidándose como unha das citas máis destacadas do verán galego.

29 de mayo de 2026

28 de mayo de 2026

27 de mayo de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible