11 de diciembre de 2025
A medida aféctalles a un total de 2.551 terreos que deberán ser rozados regularmente para previr posibles incendios
O Concello avanza coa súa folla de ruta para actualizar o Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, que hoxe recibiu a aprobación inicial do Pleno para modificar o réxime actual e ampliar o protocolo existente ao conxunto do termo municipal.
A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, detallou máis polo miúdo a proposta do Goberno local, que busca reforzar a seguridade e as medidas de prevención na totalidade da Coruña co obxectivo de minimizar riscos e delimitar máis as faixas de xestión de biomasa, "preparando o territorio e coordinando esforzos, controlando así os factores que poden provocar a declaración e propagación de incendios forestais", coas consecuencias que isto ten sobre persoas, bens e medio ambiente en termos de danos.
Neste sentido, Neira apuntou que, actualmente, o número de fincas incluídos no rexistro de terreos para rozar na Coruña é de 1.192. Coa modificación prevista no Plan pasarían a ser máis do dobre, ata 2.551.
A concelleira apuntou que o novo documento comprenderá terreos nas cinco parroquias que integran a cidade (Elviña, Oza, San Cristovo das Viñas, Visma e Coruña) e afectaría, sobre todo, á zona periurbana suroeste do termo municipal: A Zapateira, Feáns e San Pedro de Visma. En xeral, zonas con menos densidade e máis edificacións illadas.
"Imos protexer mellor puntos sensibles como centros educativos, centros de maiores, gasolineiras, contorna da refinaría, todas as vivendas das zonas rurais, cemiterios, novos desenvolvementos urbanísticos e arredores de Nostián", precisou Neira.
A aprobación inicial para a modificación do Plan recibiu hoxe luz verde do Pleno, coa unanimidade da Corporación municipal. Agora, sairá a exposición pública por un prazo de 30 días. A documentación estará dispoñible, ademais, na sede da Concellaría de Medio Ambiente, con sede na Casa da Auga.
A limpeza de terreos, cun grao de cumprimento "elevado"
No Pleno desta mañá, Neira lembrou que o Goberno de Inés Rey está a traballar especialmente no reforzo das notificacións previas ás persoas propietarias das parcelas que cómpre rozar, coa remisión de comunicacións escritas e posteriores requirimentos no caso de que non se cumpra coa normativa, que fixa o 31 de maio de cada ano como a data para ter rematadas as tarefas de limpeza de leiras ou terreos.
"En canto aos anos anteriores, incluídos tamén os requirimentos que en ocasións temos que facer, o grao de cumprimento por parte das persoas propietarias está a ser elevado", expuxo a edil, que lembrou que, en caso de que non se executen os traballos, é SEAGA, empresa pública dependente da Xunta, a que ten competencias neste medio.
Nove minutos de silencio polas vítimas de violencia de xénero no país
O Pleno deste xoves comezou con nove minutos de silencio en lembranza das mulleres asasinadas por violencia de xénero en España durante o mes de novembro.
A alcaldesa, Inés Rey, lembrou na súa intervención previa que, desde o 1 de xaneiro de 2003, as estatísticas da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero estiman en 1.340 as mulleres asasinadas por violencia de xénero no conxunto do país. Son datos oficiais que se contabilizan desde entón, fundamentais para comprender a magnitude deste problema e, en consecuencia, activar políticas de prevención e protección.

27 de octubre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible