15 de enero de 2026
Ademais, o pleno aprobou este xoves a modificación puntual do Catálogo patrimonial da cidade, que incorpora o Camiño Inglés
O pleno do Concello aprobou hoxe a suspensión cautelar da tramitación de instrumentos de planeamento e outorgamento de licenzas no ámbito do Plan especial de Labañou, coñecido como as Percebeiras.
Esta suspensión cautelar dá continuidade á que xa estaba vixente en virtude do acordo plenario acadado a finais de 2024, motivado pola necesidade de estudar alternativas que permitan o futuro do ámbito baixo criterios da máxima sostibilidade.
Así o indicou o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, que fixo fincapé na necesidade de valorar o porvir desta superficie que é, na práctica, o último espazo por desenvolver no frente marítimo da bahía do Orzán.
"É fundamental actuar con prudencia e antepoñer os intereses da cidade. Gañamos un ano para definir o ámbito, para pensar como construir nel de forma positiva", indicou Díaz Gallego, que apuntou ao compromiso do Goberno municipal para que a transformación das Percebeiras se faga cunha perspectiva sostible e que dé resposta ás necesidades reais da veciñanza, "buscando tamén espazos de socialización libres, compatibles coa posibilidade de construír, de que se executen tanto vivenda libre como protexida".
Neste sentido, o edil demandou á Xunta máis implicación na creación de vivenda pública na cidade, lembrando que, entre os anos 2009 e 2023, o Goberno autonómico só habilitou 40 inmobles protexidos na Coruña, sendo a administración competente na materia.
O Catálogo patrimonial da cidade avanza cara a súa actualización
Ademais, o pleno deu luz verde este xoves á aprobación provisional para a modificación puntual do Plan Xeral para a incorporación de elementos ao Catálogo patrimonial, un trámite que avanza agora coa inclusión de 74 elementos arquitectónicos, outros tres elementos etnolóxicos e a incorporación do trazado do Camiño Inglés.
O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, apuntou que as emendas efectuadas sobre o informe previo non supuxeron, en esencia, grandes variacións. Neste sentido, a modificación aprobada hoxe polo pleno refrenda a inclusión das antigas estruturas portuarias da praza da Palloza e os peiraos das Xubias de Abaixo, entre os 74 elementos arquitectónicos referidos previamente.
No tocante aos elementos etnolóxicos, incorpóranse as fontes do Corgo, Monelos e as Xubias de Abaixo, todas elas de propiedades municipal e cun nivel de protección integral.
Na sesión plenaria, Díaz Gallego subliñou especialmente o feito de que "o patrimonio dunha cidade é moito máis que monumentos. Este patrimonio pode ser tamén un conxunto urbano na Falperra, nos Mallos, elementos que dan mostra do que foi a cidade noutras épocas e que deben ser conservados". O edil avogou por que haxa máis pedagoxía con respecto á protección e conservación do patrimonio, lembrando que "unha propiedade cunha catalogación pode ser unha vantaxe, un plus", e non un hándicap.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible