29 de mayo de 2026
A recollida de dorsais de cara á proba habilitarase mañá nas instalacións do Centro Comercial Cuatro Caminos, das 11.00 ás 20.30 horas
O circuíto Coruña Corre, organizado polo Concello, enfila a súa volta aos Rosales, barrio inmerso nas súas festas e que este domingo vivirá a XIII edición da súa carreira popular, na que está prevista a participación dunhas 1.300 persoas.
A xornada deste domingo comezará ás 10.00 horas coa saída da carreira en categoría absoluta, a carón do pavillón polideportivo do barrio. As persoas participantes nesta quenda percorrerán case seis quilómetros, ao longo das rúas interiores dos Rosales, a estrada do Portiño e o paseo marítimo, combinando treitos de asfalto e adoquín e un último reto como paso previo á chegada a meta: a pendente de subida na volta ao punto de saída.
"A carreira ten un punto de esixencia final que tamén deixa un moi bo sabor de boca ao cruzar a liña de meta. E o percorrido polo paseo marítimo garante sensacións únicas", detallou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, que subliñou o compromiso do Goberno de Inés Rey para potenciar Coruña Corre como un programa que promova os hábitos saudables a escala interxeracional e, de paso, contribúa a dinamizar os barrios.
Será a cuarta proba desta tempada do circuíto, que xa deixou atrás as citas da Torre, Matogrande - Xuxán - Sector 7 e San Pedro de Visma, e agora busca sucesores para os vencedores do ano pasado nos Rosales: Pablo Bocelo e Vanessa Hervada. Ademais, como xa é habitual en todas as carreiras do circuíto, a proba absoluta abrirá camiño ás competicións en categorías inferiores, desde a sub-18 ata peques.
A recollida de dorsais, habilitada mañá no Centro Comercial Cuatro Caminos
As persoas que participen na carreira poderán recoller o seu dorsal ao longo deste sábado 30 de maio, no primeiro andar do Centro Comercial Cuatro Caminos, patrocinador do circuíto. O horario de recollida estará habilitado das 11.00 ás 20.30 horas.
Ademais, e xa de cara ao domingo, as e os corredores disporán dun amplo abano de servizos antes, durante e despois da carreira: no pavillón polideportivo municipal dos Rosales, gardarroupa (das 9.30 ás 11.15 horas), duchas (das 10.30 ás 13.00 horas) e avituallamento na meta.
Manuel Vázquez lembrou que a carreira popular dos Rosales marcará o ecuador da tempada de Coruña Corre: coa chegada do verán, o circuíto fará o seu parón habitual para volver xa a mediados de setembro, coa Volta a Oza (13 de setembro) e, xa posteriormente, as carreiras do Ventorrillo (25 de outubro) e Novo Mesoiro (22 de novembro).

28 de mayo de 2026

26 de mayo de 2026

25 de mayo de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible