1 de agosto de 2026
Bea Lema foi a encargada de dar o pregón da Feira do Libro
Inés Rey visitou a feira de artesanía nos Xardíns de Méndez Núñez
A apertura de Mostrart e da Feira do Libro da Coruña marcou hoxe o inicio das Festas de María Pita 2026, que ao longo de todo o mes de agosto converterán a cidade nun gran espazo de encontro arredor da cultura, a música e a creación. Ambas as dúas citas, xa consolidadas como referentes do verán coruñés, ocupan desde hoxe os Xardíns de Méndez Núñez.
A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá os diferentes espazos de Mostrart, que celebra a súa 42ª edición convertida nunha das grandes feiras de artesanía do Estado. Ata o 30 de agosto, os Xardíns de Méndez Núñez acollerán máis de 65 artesáns e artesás distribuídos en 45 casetas, cunha ampla representación da artesanía contemporánea galega e estatal.
Durante o percorrido, a alcaldesa destacou o papel de Mostrart como punto de encontro entre tradición, innovación e creación contemporánea. "A artesanía forma parte da nosa identidade cultural e económica. Mostrart é un magnífico escaparate do talento creativo e do traballo dun sector que mantén vivas técnicas e oficios que forman parte do noso patrimonio", sinalou Rey.
A rexedora puxo tamén en valor o papel da feira dentro da programación estival da cidade. "Agosto converte A Coruña nun referente cultural e iniciativas como Mostrart contribúen a que veciñanza e visitantes poidan descubrir a riqueza e diversidade da creación artesanal nun espazo aberto e accesible para todos os públicos", indicou.
Pola súa banda, ao mediodía tivo lugar a inauguración oficial da Feira do Libro da Coruña, que permanecerá aberta ata o 10 de agosto coa participación de 38 librarías da cidade e do conxunto de Galicia. O acto contou coa presenza do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e da ilustradora coruñesa e Premio Nacional do Cómic Bea Lema, encargada de pronunciar o pregón desta edición. Tamén participaron no acto o conselleiro de Cultura, José López Campos, a deputada da área de Cultura da Deputación, Natividad Gónzález, e a tesoreira da Federación de Librarías de Galicia, Patricia Porto.
Na súa intervención, Castro destacou a importancia da feira como espazo para promover a lectura e o pensamento crítico. "A Feira do Libro é moito máis ca unha sucesión de presentacións ou sinaturas. É unha demostración de que os libros seguen sendo unha ferramenta imprescindible para comprender o mundo, para imaxinar futuros distintos e para construír unha sociedade máis libre, máis crítica e máis humana", afirmou.
O edil puxo tamén en valor a elección de Bea Lema como pregoeira. "A súa traxectoria converteuse nun referente dentro e fóra de Galicia. O recoñecemento acadado co Premio Nacional do Cómic confirma que estamos diante dunha creadora excepcional e dunha das grandes voces da cultura contemporánea galega", sinalou. Castro aproveitou ademais para reivindicar o papel da banda deseñada como ferramenta de acceso á lectura. "Para moitos nenos e nenas, o cómic é a porta de entrada ao hábito lector. Debemos celebrar e apoiar un formato que desenvolve a imaxinación, a comprensión lectora e a capacidade para contar historias", explicou.
Coa apertura de Mostrart e da Feira do Libro, o Goberno de Inés Rey dá comezo a un intenso calendario cultural que terá o seu primeiro gran fito esta mesma tarde co pregón de Lucía Veiga desde o balcón do Palacio Municipal e o posterior concerto de Luz Casal na praza de María Pita. Durante todo o mes de agosto, a cidade acollerá citas como as Noites de María Pita, o Festival Noroeste Estrella Galicia, Viñetas desde o Atlántico e a Romaría de Santa Margarida, entre outras propostas.
"Entramos de cheo nun mes de máxima actividade na Coruña cun programa pensado para toda a cidadanía e tamén para as persoas que nos visitan, mantendo as propostas xa clásicas do noso verán cultural e ampliando cada ano a súa oferta e diversidade", destacou Inés Rey.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible