3 de abril de 2023
“A experiencia do ano pasado afianzou á Coruña como unha das cidades de referencia no eido musical ao noroeste do país, e o noso obxectivo é reafirmar e incluso potenciar esa condición neste 2023”, apunta Inés Rey
O Morriña Fest, que se celebra por segunda edición consecutiva na Coruña, chega este ano ao Porto, que colle o relevo do estadio municipal de Riazor. As entradas sairán á venda o vindeiro xoves 13 de abril
A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá a nova edición do Morriña Fest, que volve este verán á Coruña por segundo ano consecutivo. Será os días 28 e 29 de xullo, cos peiraos de Batería e Calvo Sotelo como novos escenarios dun festival que, tal e como se amosou hoxe, neste primeiro avance do festival, contará cos artistas Nicky Jam e Jason Derulo como dous dos principais cabezas de cartel.
Tras a experiencia do ano pasado, no que máis de 50.000 persoas asistiron ás dúas xornadas do Morriña Fest no estadio municipal de Riazor, o Porto da Coruña substitúe o recinto deportivo e ábrese á realización dun evento que, como apuntou a rexedora, "volverá contar cunha ampla variedade de artistas de todos os xéneros, con grandes artistas internacionais".
Desta forma, o Concello, coa colaboración da Autoridade Portuaria, dá continuidade á apertura progresiva dos terreos portuarios á cidadanía. "A medida que o tráfico de mercadorías se vai trasladando, pouco a pouco, a Punta Langosteira, vaise facilitando a recuperación dos peiraos interiores. A identidade da Coruña é a dunha cidade aberta, ao mar e á cultura. Por iso, entendemos que a fachada marítima é un espazo privilexiado para realizar todo tipo de eventos e actividades", subliñou a alcaldesa.
Ademais de Nicky Jam e Jason Derulo, o Morriña Fest 2023 contará coa participación da banda indie norirlandesa Two Door Cinema Club -coñecida por grandes éxitos como What you know ou Are we ready?-, e o rapeiro Rels B. Tamén está confirmada a presencia do cantante venezolano Danny Ocean, as bandas Sidecars e Shinova, as artistas argentinas Lali Esposito e Emilia Mernes, a rapeira portorriqueña Villano Antillano e os deejays Les Castizos.
Dentro do amplo abano de xéneros musicais presentes no Morriña Fest 2023, cobran relevancia novas referencias das músicas urbana e electrónica, así como do pop alternativo. Talentos emerxentes como Aleesha e Samuraï estarán na edición deste ano, no que haberá espazo para artistas galegos como Berto, Eva B e o coruñés Javi Chapela.
Ao cartel desta edición iranse sumando máis artistas e agrupacións, que se irán desvelando proximamente, segundo se acheguen as datas da celebración, e as entradas para o Morriña Fest poderanse mercar a partir do vindeiro xoves 13 de abril.
"A experiencia do ano pasado afianzou A Coruña como unha das cidades de referencia no eido musical ao noroeste do país, e o noso obxectivo é reafirmar e incluso potenciar esa condición neste 2023, amasando de novo a capacidade da nosa cidade para acoller grandes eventos como o Morriña Fest", apuntou Inés Rey.
Ademais da alcaldesa, na presentación do Morriña Fest 2023 tomaron parte Juan Martínez, responsable de patrocinios musicais de Hijos de Rivera - Estrella Galicia; Álvaro Yáñez, co-director do Morriña Fest; e Gonzalo Trenor, delegado territorial da Xunta na Coruña.
A apertura do Porto á celebración do festival
A mediados de marzo, o Concello e a Autoridade Portuaria acordaron que, durante este verán, os peiraos interiores do Porto se abrirán a realizar eventos musicais e culturais. Ademais do Morriña Fest, xa están confirmadas as datas dos concertos da mítica banda alemá de heavy metal Scorpions (13 de xullo) e Marea (22 de xullo).
"Dámoslle, desta forma, continuidade a unha folla de ruta que xa permitiu, o ano pasado, a incorporación do peirao de Transatlánticos ao abano de localizacións do Festival Noroeste. Tamén no verán de 2022, no peirao de Batería, tivo lugar a realización do ciclo de concertos das Noites do Porto, que na súa segunda edición lle fixeron gozar á cidadanía co talento de artistas como Jorge Drexler e James Rhodes", lembrou Inés Rey, que tamén agradeceu a colaboración da Dirección Xeral de Turismo na organización do festival.

17 de diciembre de 2025

16 de diciembre de 2025

15 de diciembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible