17 de julio de 2018
Ferreiro trasladou, na primeira reunión oficial con Javier Losada desde o seu nomeamento, a proposta de protocolo do goberno local para a colaboración das distintas administracións na transformación do bordo litoral da Coruña a través dun consorcio público, que o novo delegado se comprometeu a estudar
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, mantivo esta mañá a primeira reunión oficial co novo delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, na que repasaron o estado dalgúns dos proxectos máis relevantes para a cidade nos que o executivo central ten competencias, como é a definición dos usos dos peiraos interiores e a configuración do futuro do bordo litoral da cidade. Ferreiro trasladoulle a Losada "a importancia de que A Coruña estea liderando a transformación e a anexión dos terreos portuarios á cidade", en contraposición co acordo acadado polo Goberno central anterior coa Xunta de Galicia e que non incluía ao Concello no protocolo de intencións que asinaron para decidir o destino e reconfiguración do bordo litoral da cidade. Neste sentido, o delegado do Goberno amosou a súa coincidencia co papel da cidade e do Concello no proceso. "Es la voluntad del Gobierno de España que el ayuntamiento lidere este proceso y esté con el resto de las administraciones llevando a cabo una obra que tiene un deseo, que es la mejora de la calidad de vida de los ciudadanos", afirmou Losada. Así, indicou que propiciará que Puertos del Estado "establezca que en cualquier negociación que se abra sobre el estudio, renovación o cambios acordes a las décadas que han pasado desde los convenios de 2004 esté presente el Ayuntamiento".
Ferreiro, que repasou con Losada a folla de ruta que seguiu ata o momento o Concello sobre a desafección dos terreos portuarios, explicou ao delegado o borrador do protocolo que o Goberno local enviara a Puertos del Estado, Ministerio de Fomento e Xunta de Galicia coa proposta municipal para a constitución dun consorcio público con todas as administracións implicadas, e que Losada se comprometeu a estudar. A xuntanza serviu tamén para que o alcalde trasladase os seguintes pasos que vai seguir o Concello respecto dos terreos portuarios e que, tras a celebración do foro Tecendo Litoral en abril, vai continuar o proceso aberto de debate e información coa convocatoria dun concurso público de ideas "que terá nunha das súas patas a creación dun xurado institucional" e no que participará tamén a cidadanía. "Convidei ao delegado a participar, como fixen esta mañá co reitor, que xa aceptou. Así se fará tamén con outros axentes e representantes de institucións como a Autoridade Portuaria ou Puertos del Estado", apuntou o alcalde. Un convite que se realizou tamén aos grupos municipais da corporación local.
Como explicou o rexedor, na xuntanza trataron tamén a situación dos terreos da Maestranza, sobre os que trasladou a intención do Concello de "negociar e de abrir unha senda para poder recuperalos para a cidade, entendendo que nestes momentos hai uns convenios de hai moitos anos que teñen a súa forza xurídica". Porén, Ferreiro amosouse confiado en que existen "vías para atopar unha solución" e tamén en que existen intención de exploralas por ambas administracións. As infraestruturas para a cidade centraron boa parte dos asuntos, sobre as que o delegado do Goberno "informou de cal é a situación de moitas delas, sobre as que o Concello non tiña información por parte do anterior Goberno", polo que Ferreiro aproveitou para agradecer "a transparencia e a intención de facilitar información" do novo delegado do Goberno.
Entre os puntos de encontro, o alcalde destacou o acordo para impulsar de novo a obra da estación intermodal da cidade a través da sinatura dun convenio entre as tres partes --ADIF, Concello e Xunta de Galicia--, "que poña sobre o papel de forma definitiva o xa negociado, os dereitos e obrigas de cada un e a folla de ruta para esa estación". A vía da colaboración entre administracións servirá tamén para "iniciar por fin a reforma" da avenida de Alfonso Molina, da que o Concello descoñece o proxecto aprobado polo anterior executivo do Estado. "Son años en los que se puede llevar a cabo un relanzamiento de la ciudad y del área metropolitana y este gobierno quiere estar al lado de la corporación municipal prestándole todo el apoyo", afirmou Losada, que ao remate da xuntaza amosou a vontade do Goberno do Estado para dialogar, acadar compromisos e levar a cabo proxectos que deixou sen resolver o anterior executivo central e sobre os que "echaba balones fuera".
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible