Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

18 de enero de 2019

O alcalde presenta no congreso ‘Think europe’ Coruña Próxima 2030, "unha axenda urbana na que participarán os distintos axentes da cidade e que permitirá abordar, en políticas concretas, os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible"

Xulio Ferreiro participou esta mañá en Soria na mesa de debate ‘La planificación y gestión del espacio urbano’, no que deu a coñecer as principais liñas do proxecto que o Concello está a traballar da man de ONU Hábitat e o Ministerio de Fomento “e que se comezará a trasladar a en accións e partidas orzamentarias a partir do 2020”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, deu a coñecer no congreso internacional Think Europe: Compromiso 2030 que se celebra en Soria as liñas de traballo do Goberno local para a creación dunha axenda urbana propia para A Coruña, denominada Coruña Próxima 2030, "que defina como aterrar os desafíos globais, os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), en políticas urbanas para a cidade". A súa elaboración, tal e como indicou Ferreiro, "debe construírse de abaixo cara arriba e contar e colaborar coas institucións e axentes presentes na cidade". O alcalde participou na mesa de debate La planificación y la gestión del espacio urbano xunto ao rexedor de Murcia, José Ballesta, o subdirector xeral de Desarrollo Urbano, José Juan Espartero, a representante da comisión sectorial da Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas Pastora Martínez e a responsable da Oficina en España de ONU-Hábitat, Carmen Sánchez-Miranda, departamento co que o Concello da Coruña colabora para desenvolver a súa axenda urbana, un labor no que tamén participa o Ministerio de Fomento, co obxectivo, segundo indicou Ferreiro, de que "Coruña Próxima 2030 sexa un proxecto piloto que alimente outras axendas urbanas do Estado".

"Temos que facer un esforzo por levar ao ámbito local, en instrumentos e políticas concretas, os ODS e xestionar a incertidume dun momento de cambio de época, especialmente convulso a nivel global", apuntou Ferreiro. Con este obxectivo presente, o alcalde salientou o papel relevante que xogan as cidades no día de hoxe, que cualificou de "feito incontestable", e a pertinencia de adaptar os retos globais á realidade local, "xa que hai moi poucos ODS que non se poidan concretar en políticas urbanas". "É fundamental que asumamos esa capacidade de planificación estratéxica que temos as cidades, que non pode ser simplemente unha estratexia normativa dende os instrumentos de Goberno local: ten que ser relacional", manifestou. Por iso, dixo, a axenda urbana do Concello da Coruña "ten que ser a axenda urbana da cidade a través da colaboración con outras institucións da cidade". Ferreiro explicou ás persoas asistentes ao encontro internacional que o Goberno local está a deseñar coa Universidade da Coruña unha estratexia de innovación para a área metropolitana da cidade, InnovaCM 2030, que proxecta "como pode ser o futuro económico da cidade, aínda que ningún dos axentes teña as competencias". Esta iniciativa, apuntou, pode materializarse en proxectos como da Cidade das TIC para o espazo que ocupa a Fábrica de Armas, un "ecosistema de innovación que busca que A Coruña aproveite as súas potencialidades de referente do Noroeste de España neste sector e avance por ese camiño nun momento de cambio económico no que o Concello non pode quedar parado".

Na confección desta "axenda relacional", Ferreiro salientou que é preciso que A Coruña planifique  e pense a súa folla de ruta en relación á relevancia e a permeabilidade que se dá entre a cidade e a súa área metropolitana. "Isto supón implicar aos concellos limítrofes na creación de instrumentos de ordenación de escala metropolitana, como os económicos, turísticos ou do territorio, nun ámbito onde non temos capacidade normativa pero no que precisamos dar un salto de escala. Estamos impulsando unha planificación supramunicipal, aínda que sexa branda, para poder adaptar os plans xerais de cada municipio", concretou. Ao fío, Ferreiro tamén destacou a relevancia que deben ter os instrumentos de planificación estratéxica "doutras escalas", nas que citou os casos da Axenda 2030, Hábitat3 ou a Axenda Urbana do Eixo Atlántico.

"Tendo en conta todos estes factores, na Coruña creamos unha axenda urbana propia, Coruña Próxima 2030, que tenta orientar todas as políticas urbanas cara a unha mesma serie de obxectivos, coa idea de crear un ecosistema para que toda a cidade traballe na mesma dirección", expuxo. Tamén, o rexedor avanzou os vindeiros os pasos que dará o Goberno local de cara ao desenvolvemento desta planificación, e que pasan por definir, no primeiro semestre deste ano, un sistema de indicadores "que permitan facer seguimento e avaliar, posteriormente, a posta en marcha dos obxectivos", ademais de levar a cabo un labor técnico de diagnose "e aproveitar o coñecemento e a planificación que xa existe na cidade, como poden ser as bases de acción exterior ou os plans xerais, por exemplo". "A idea é poder comezar de xeito inminente, no seguinte mandato, o deseño do plan de acción, para aterralo e transformalo en políticas e medidas orzamentarias concretas, que se incluirán a partires do presuposto municipal de 2020", aseverou Ferreiro. Ao tempo, o alcalde incidiu en que a axenda se deseñará "á vez que se desenvolve unha xestión relacional, que supoña a implicación doutros actores fundamentais do territorio, como é o movemento asociativo e veciñal, o tecido empresarial ou as administracións públicas presentes na cidade, de xeito que se manteña un diálogo continuo de rendición de contas, explicación e posta en marcha, en común, dos obxectivos plantexados". "Esta axenda é un proxecto de cidade. O traballo que se está a levar a cabo servirá para que un cambio de goberno municipal non implique mudar tamén a planificación estratéxica", apuntou.

"Temos que seguir traballando para que as cidades sexan ecosistemas de liberdade, de avance, de coñecemento, de transferencia, onde poidamos aterrar as solucións para os problemas globais elixindo a situación que mellor se adapte a cada cidade", concluíu. 

Categorías de la noticia

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión