12 de diciembre de 2018
Ademais das actuacións en Palavea Vella para a mellora da accesibilidade e a seguridade, o goberno local acometeu a construción dunha rede separativa de fecais e pluviais e dotou o barrio de espazos de estancia para o encontro da veciñanza
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, visitou o barrio de Palavea, onde o Concello acometeu ao longo deste mandato numerosas actuacións, especialmente centradas na renovación dos espazos públicos e servizos existentes, así como a creación doutros novos. Só neste concepto, o goberno local leva investidos no barrio máis de 350.000 euros. Neste momento, o executivo municipal vén de rematar as obras de reurbanización do núcleo de Palavea Vella, que comezaron en novembro do ano pasado. Segundo explicou o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, quen tamén acudiu á visita, na que participaron veciños e veciñas da zona, "trátase dunha intervención de gran calado que comezou coas obras necesarias para establecer un percorrido seguro na parte baixa de Palavea, a zona de maior densidade do barrio e de máis recente creación". Unha vez acometida esta actuación, as obras continuaron coa renovación das redes de fecais e pluviais, que agora contan cunha rede separativa, unha actuación que, ademais, permitiu a multiplicación do número de sumidoiros. "Unhas medidas de gran importancia para a veciñanza xa que contribúen a reducir de forma notable a circulación da auga na superficie durante os días de choiva", destacou o concelleiro.
No que atinxe á reurbanización, como no caso doutros núcleos tradicionais, a Concellería de Rexeneración Urbana apostou pola introdución de beirarrúas accesibles aí onde era posible, implantando unha plataforma única naqueles puntos onde non é normativamente viable a colocación de beirarrúas. Nestes, habilitouse un carril de ancho fixo para o automóbil con solución de aglomerado, mentres que os laterais se fixeron con formigón, indicando un espazo preferente para peóns. En determinados fondos de saco, a totalidade do pavimento quedou resolta con formigón ou pedra. "Agora mesmo, e logo desta actuación, contamos cun barrio urbanizado, cunha progresiva transición de materiais e solucións, dende as mazás de recente creación até os rueiros entre casas, que se transforman en camiños que soben até o monte Alfeirán", comenta Varela.
O proceso de renovación tamén supuxo a oportunidade de crear novos lugares de estancia para a veciñanza. "O que fixemos foi aproveitar os ancheamentos dos espazos existentes e os lugares significativos do núcleo para establecer unha serie de recantos, lugares de estancia e de reunión que contribúan á dignificación da memoria dun núcleo especialmente agredido ao longo das pasadas décadas", indicou o titular de Rexeneración Urbana, que salientou distintas actuacións neste senso como a canalización vista dun curso de auga procedente dun manancial, que remata nunha pía de pedra cun asento, así como a construción dun pavimento de pedra na zona máis significativa do núcleo (o San Eduardo) ou a creación dun pequeno xardín e unha rampla (ambos tamén en pedra) no entorno da rúa Os Abuelos.
Outras actuacións
Antes de acometer estas actuacións de renovación, o Goberno local levou a cabo outras obras que daban solución ás demandas da veciñanza de Palavea no referente ás consecuencias da circulación de automóbiles e o illamento do núcleo debido ás infraestruturas de acceso á cidade. Nestas primeiras actuacións, que se executaron en 2017, mellorouse a conectividade de Palavea cos lugares de Santa Xema e Penarredonda. A conexión entre os dous primeiros núcleos incrementouse mediante a renovación dos pasos peonís, que son agora "máis amplos e fluídos para as persoas", e a construción dunha beirarrúa no lado dereito na rúa Luis López Casanegra, no seu treito entre a N-550 e o aparcadoiro co centro comercial Alcampo. Neste espazo, no que se interveu entre abril e xuño deste ano por valor de 107.000 euros, realizouse tamén un novo paso de peóns e vaos accesibles, acompañados dunha acción de recuperación do espazo diante das vivendas tradicionais da zona. No que respecta á comunicación entre Palavea a Penarredonda, realizouse un percorrido seguro e accesible ata a parada 501 do transporte público, na que se ampliou o espazo para a espera e se colocou unha marquesiña. Esta acción supuxo un investimento de 24.709 euros.
O concelleiro de Rexeneración Urbana lembrou así mesmo a rehabilitación abordada na ARI (Área de Rehabilitación Integral) do grupo de vivendas de Santa Cristina de Palavea, onde se acometeu a renovación de fachadas e cubertas, o que permitiu a mellora da eficiencia enerxética. "Esta obra tradúcese nunha mellora das condicións de habitabilidade e a redución do consumo enerxético, o que supón unha rebaixa directa nas facturas dos fogares", indicou. Estas obras rematáronse no pasado verán co soterramento do cableado --por valor de 142.618 euros-- do alumeado público, a subministración eléctrica, as liñas de telefonía e de fibra óptica, actuación na que se aproveitou tamén para a realización dunha nova beirarrúa.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible