8 de septiembre de 2026
Gonzalo Castro destacou a importancia dunha cita consolidada que pon en valor o labor de investigación, conservación e difusión da cultura tradicional
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou hoxe o XXI Ciclo de Coros Galegos, organizado por Cántigas da Terra, unha das citas de referencia da programación cultural outonal da cidade arredor da música, o teatro e a cultura tradicional galega. A programación desenvolverase entre os meses de setembro e outubro en diferentes espazos da cidade como o Teatro Rosalía de Castro, o Circo de Artesáns e a Fundación Luís Seoane.
Nesta edición, o ciclo propoñerá un percorrido pola memoria colectiva e o patrimonio cultural galego a través de tres grandes eixos temáticos: a obra de Castelao, as manifestacións tradicionais da montaña luguesa e o legado da recompiladora Alejandra Murguía de Castro, figura fundamental na conservación do patrimonio musical galego.
Durante a presentación, Gonzalo Castro destacou o valor dun programa que combina divulgación, investigación e creación artística. "Desde o Goberno de Inés Rey seguimos apoiando iniciativas que contribúen a preservar e difundir a nosa cultura tradicional. O Ciclo de Coros Galegos é un exemplo do excelente traballo que realizan entidades históricas como Cántigas da Terra para achegar o noso patrimonio á cidadanía e garantir a súa transmisión ás novas xeracións", sinalou.
A programación arrancará o 26 de setembro coa representación de 'A Tía Lambida', de Eduardo Blanco Amor, a cargo do Cadro de Teatro de Cántigas da Terra no Circo de Artesáns. Ao día seguinte, o Teatro Rosalía acollerá unha das grandes propostas desta edición coa representación de 'Os vellos non deben de namorarse', de Castelao, coincidindo co 85 aniversario da súa estrea en Uruguai. Nesta montaxe participarán distintas agrupacións do país xunto a Cántigas da Terra nunha proposta que recupera a estética, a escenografía e os elementos musicais concibidos polo propio autor.
A segunda xornada, prevista para os días 17 e 18 de outubro, estará dedicada á cultura tradicional da montaña luguesa. O programa incluirá un obradoiro de pandeira impartido por Felisa Segade, unha palestra sobre a trompa galega a cargo de Javier María Rodríguez e Ramón Almuiña, e un concerto no Rosalía coas agrupacións Cántigas e Frores, de Lugo, e Cántigas da Terra, que interpretarán repertorios vinculados á tradición musical dos Ancares e da Fonsagrada.
A terceira e última das xornadas centrarase na figura de Alejandra Murguía de Castro, pioneira na recollida e conservación da música tradicional galega. O programa inclúe unha conferencia de Xavier Groba, o recital musicado 'Poemas no peito' de Luís Correa "O Caruncho" e un gran concerto final no Teatro Rosalía coa participación de Retranqueiros de Ames e de todo o elenco artístico de Cántigas da Terra, que renderá homenaxe ao legado da investigadora.

6 de septiembre de 2026

5 de septiembre de 2026

4 de septiembre de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible