Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de decembro de 2021

O circuíto de carreiras populares Coruña Corre volve ás rúas da cidade no 2022 trala paréntese da pandemia

A primeira das carreiras terá lugar o vindeiro 23 de xaneiro en Matogrande

O Concello recupera para o ano 2022 o calendario de carreiras populares que quedou en suspenso durante os últimos dous anos por mor da pandemia. O circuíto Coruña Corre volve figurar na axenda municipal de actividades deportivas para o vindeiro ano. "Coruña Corre é unha das actividades programadas máis relevantes do ano, con milleiros de participantes en cada edición. Tiñamos moitas ganas de retomar as carreiras populares e por fin podemos volver a elas", indicou a concelleira de Deportes, Mónica Martínez. 

Martínez explicou que a volta do circuíto de carreiras populares era unha prioridade para o Concello. "O fomento do deporte popular é unha prioridade para o Goberno de Inés Rey e Coruña Corre é unha das actividades máis valoradas polos e polas deportistas que toman parte nela",  indicou Martínez. 

O programa chega no 2022 á súa novena edición. O prazo de inscrición abrirá nos vindeiros días trala publicación das bases na páxina web do Concello da Coruña. 

A cota de inscrición para as oito carreiras será de 12 euros, cantidade que se reduce aos 7 euros para persoas que teñan o Carné Xove, xubilados e persoas en situación de desemprego. Quen desexe participar en carreiras illadas, non en todo o circuíto, terá que aboar unha cota de 3 euros por carreira, cantidade que queda en 2 euros nos casos anteriormente citados. 

A primeira das citas deportivas terá lugar o vindeiro 23 de xaneiro en Matogrande. Agás no verán, haberá carreiras na cidade durante o resto dos meses do ano. O circuíto Coruña Corre completa a oferta de grandes citas co atletismo de fondo organizadas polo Concello: a C21 (o 13 de febreiro), a C10 (o 24 de abril) e a Maratón Atlántica e C10 (o 2 de outubro).

Este é o calendario  previsto para o circuíto Coruña Corre: 

  • VI Carreira Popular de Matogrande (23 de xaneiro).

  • X Carreira Popular Torre de Hércules #Querémonos vivas (26 de marzo).

  • XIII Baixada Popular Cross San Pedro de Visma (8 de maio).

  • IX Carreira Popular Os Rosales (22 de maio).

  • IX Carreira Popular Volta a Oza (11 de setembro).

  • VIII Carreira Popular Ventorrillo (23 de outubro).

  • X Carreira Popular Novo Mesoiro (27 de novembro).

O circuíto Coruña Corre finalizará coa celebración, o 15 de decembro, da gala anual coa correspondente entrega de premios.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión