29 de septiembre de 2026
O alumnado participante actuará como enlace cos servizos municipais para achegar aos seus centros información sobre recursos, actividades e oportunidades para a mocidade
O Concello da Coruña abriu a convocatoria para participar no programa Antenas de Información Xuvenil (AIX) durante o curso 2026-2027, unha iniciativa da Concellaría de Benestar Social, Participación e Igualdade que busca achegar directamente aos centros educativos os recursos e servizos municipais dirixidos á mocidade. O prazo para presentar as candidaturas permanecerá aberto ata o vindeiro 13 de outubro.
O programa baséase na información entre iguais, de maneira que serán as propias mozas e mozos participantes as encargadas de actuar como enlace entre os Espazos Municipais de Información Xuvenil e o alumnado dos seus centros. As Antenas permitirán así difundir información sobre actividades, convocatorias, recursos e oportunidades de interese para a mocidade, ao tempo que facilitarán unha canle para trasladar ao Concello as súas propostas, intereses e inquedanzas.
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, destacou o valor desta fórmula para achegar os servizos públicos á poboación nova. "As Antenas permítennos levar os recursos municipais aos espazos nos que as mozas e mozos desenvolven boa parte do seu día a día e facelo contando coa súa participación directa, facilitando que a información circule entre iguais dunha maneira próxima e accesible", sinalou.
As persoas participantes estarán conectadas cos Espazos Municipais de Información Xuvenil do Fórum Metropolitano, Ágora e Naves do Metrosidero. Entre as súas funcións estará manter unha comunicación periódica con estes servizos, actualizar semanalmente a información dispoñible nos seus centros e difundila tamén a través das canles dixitais habilitadas para o programa.
A convocatoria está dirixida a alumnado de entre 15 e 25 anos, cumpridos a 31 de decembro de 2026, matriculado nos centros educativos incorporados ao programa. Inclúense IES, CIFP, a Escola Oficial de Idiomas, a Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso e o Conservatorio Profesional de Música, así como centros concertados con ESO e Bacharelato. As candidaturas poderán presentarse de maneira individual ou conxunta, cun máximo de dúas persoas por proxecto.
"Queremos que este programa sirva tamén para escoitar á mocidade e coñecer de primeira man que información demanda, que asuntos lle preocupan e que propostas quere trasladar, reforzando unha comunicación bidireccional que nos axude a adaptar os recursos municipais á súa realidade", apuntou Canosa.
Formación e recursos para as persoas participantes
As Antenas desenvolverán a súa actividade entre novembro de 2026 e maio de 2027. Ao longo deste período, as persoas seleccionadas recibirán formación específica para desenvolver o seu labor e participarán en reunións de coordinación cos Espazos Municipais de Información Xuvenil.
O Concello facilitará a cada proxecto os medios necesarios para o desenvolvemento da actividade, entre eles unha tableta con conexión wifi, e habilitará unha conta de correo electrónico específica. As persoas participantes poderán tamén solicitar gratuitamente o carné internacional de estudante e recibirán un certificado acreditativo ao remate do programa, ademais de poder acceder a entradas para determinadas actividades organizadas ou programadas polo Concello.
Cada proxecto contará cunha compensación de 100 euros brutos unha vez completada a colaboración anual. No caso das candidaturas integradas por dúas persoas, esta cantidade repartirase entre ambas.
A convocatoria contempla tamén os denominados proxectos de natureza singular, que permiten desenvolver iniciativas de aula coa participación de máis de dúas persoas e baixo a coordinación dunha persoa docente. Esta modalidade busca adaptar as Antenas ás dinámicas dos diferentes centros e ampliar as posibilidades de implicación do alumnado.
As persoas interesadas deberán presentar a documentación establecida nas bases xunto cun proxecto no que expoñan os seus intereses e expectativas e formulen propostas para dinamizar a información xuvenil no seu centro. Na selección valoraranse aspectos como a experiencia participativa, a continuidade no centro e a viabilidade, orixinalidade e adecuación das propostas presentadas. No caso das persoas menores de idade será necesaria a autorización da nai, pai ou persoa que exerza a titoría legal.
Coa convocatoria para o novo curso, as políticas de mocidade desenvolvidas polo goberno de Inés Rey dan continuidade a unha ferramenta que complementa a atención presencial e dixital da Rede Municipal de Información Xuvenil e reforza a súa presenza nos centros educativos, favorecendo tanto o acceso da mocidade aos recursos dispoñibles como a súa participación activa.
O prazo para presentar candidaturas estará aberto ata o 13 de outubro. As solicitudes deberán remitirse ao correo electrónico cmix@coruna.gal, mentres que as bases, os formularios e o resto da información sobre a convocatoria están dispoñibles na web municipal de Información Xuvenil. As consultas tamén poden realizarse a través do teléfono 981 184 294 e do WhatsApp 606 362 366.
Información e convocatoria das Antenas de Información Xuvenil 2026-2027: Antenas de Información Xuvenil curso 2026-2027

28 de septiembre de 2026

28 de septiembre de 2026

25 de septiembre de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible