31 de agosto de 2026
A programación para o curso 2026-27 mantén unha ampla oferta de disciplinas deportivas para todas as idades, desde os 6 anos ata maiores de 80
O Concello abrirá mañá, martes 1 de setembro ás 8.00 horas, o prazo de presentación de solicitudes para optar ás 1.140 prazas libres das Escolas Deportivas Municipais (EDM) de cara ao curso 2026-27. As persoas interesadas poderán tramitar as súas peticións ata o vindeiro luns 7 de setembro ás 23.59 horas.
As Escolas Deportivas Municipais son un dos principais programas impulsados polo Concello para fomentar a práctica deportiva e os hábitos de vida saudables entre a cidadanía. A programación abrangue diferentes grupos de idade, desde nenos e nenas de 6 anos ata persoas maiores de 65 e 80 anos, adaptando as actividades ás características e necesidades de cada tramo.
A oferta de prazas libres para este novo curso inclúe numerosas disciplinas e modalidades, entre elas natación, atletismo, bádminton, boxeo, esgrima, judo, tenis, pádel, patinaxe artística, waterpolo, escalada, aikido, bujutsu, ximnasia, ioga, pilates, marcha nórdica, zumba, baile, mantemento e tonificación, entre outras.
"O obxectivo das Escolas Deportivas Municipais é facilitar que persoas de todas as idades poidan incorporar o deporte á súa vida diaria, cunha oferta ampla, accesible e distribuída por diferentes instalacións da cidade", sinalou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, que destacou tamén "o papel do deporte como ferramenta de convivencia, socialización e promoción dunha vida activa", e recordou que a alcaldesa, Inés Rey, estableceu xa no 2019 a promoción do deporte como unha das liñas estratéxicas do seu Goberno.
As actividades desenvolveranse tanto nas instalacións deportivas xestionadas directamente polo Concello como no Complexo Deportivo Municipal de San Diego e na Piscina Municipal de San Amaro. Entre os equipamentos nos que se ofertan actividades figuran tamén Riazor, a Cidade Deportiva da Torre, o Barrio das Flores, Os Rosales, Novo Mesoiro, a Sagrada Familia, San Francisco Xabier e a Casa da Auga.
Solicitudes ata o 7 de setembro
Cada persoa poderá presentar unha única solicitude cun máximo de dúas opcións de actividade, que deberá indicar por orde de preferencia. No caso de que unha persoa obteña praza na primeira opción solicitada, a segunda quedará anulada. Se se presentan varias solicitudes para unha mesma persoa, só se terá en conta a última rexistrada.
As solicitudes deberán presentarse exclusivamente a través do formulario habilitado na Sede Electrónica do Concello, accesible desde a páxina web municipal de Deportes. A convocatoria establece como criterio de prioridade o empadroamento na Coruña e ten tamén en consideración se a persoa solicitante xa está inscrita ou non nalgunha actividade das EDM.
Unha vez finalizado o prazo, está prevista a publicación da listaxe provisional de solicitantes o 9 de setembro, coa posibilidade de corrección de erros ata o día 11. A listaxe definitiva publicarase o 14 de setembro e, de ser necesario, o sorteo terá lugar o 15 de setembro ás 9.00 horas. A relación de persoas admitidas e as listaxes de agarda publicaranse o día 16, mentres que o período de matrícula para as persoas que obteñan praza será do 21 ao 28 de setembro.
Toda a información relativa ao proceso, así como as prazas dispoñibles, poderá consultarse na páxina de Deportes Coruña e nos taboleiros de anuncios das instalacións deportivas municipais. A cidadanía tamén poderá obter información a través do teléfono municipal 010.

31 de agosto de 2026

30 de agosto de 2026

29 de agosto de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible