23 de junio de 2026
Esta iniciativa pioneira comezará o curso que vén, cunha oferta de 48 prazas en cinco grupos
O Concello pon en marcha o proceso de inscrición para as actividades extraescolares gratuítas no CEE Nosa Señora do Rosario, dirixidas ao alumnado con necesidades especiais de cara ao curso 2026-2027. Trátase dunha iniciativa pioneira enmarcada no plan do Goberno de Inés Rey para promover a práctica do deporte e o desenvolvemento de habilidades nunha contorna segura e dentro dun programa definido e adaptado.
"No Goberno municipal cremos nun modelo educativo e de cidade no que todos os nenos e nenas poidan medrar gozando do deporte e do aire libre, desenvolvendo habilidades e adquirindo ferramentas que lles servirán no futuro. Estas actividades son só un primeiro paso. Un proxecto que abre a porta a máis iniciativas encamiñadas á programación de actividades especializadas", apuntou o concelleiro de Educación, Innovación Tecnolóxica e Formación, Juan Ignacio Borrego.
O período de solicitude de prazas comezou hoxe e estenderase ata o vindeiro 3 de xullo. A resolución da adxudicación de prazas será o día 10 de xullo, e o prazo de aceptación será do 15 ao 24 de xullo. O trámite deberá facerse a través de ficha en liña, á que se pode acceder dende a seguinte ligazón (https://edu.coruna.gal/coruna_educa_familias/actividades_adaptadas_2026/).
En total, ofrécense 48 prazas para as cinco actividades que se desenvolverán de luns a venres en horario de 15.00 a 17.00 (aínda que a saída do alumnado poderá adaptarse ás necesidades de conciliación das familias). Os grupos que se formarán son:
Luns: multideporte adaptado (10 prazas)
Martes: multideporte adaptado (10 prazas)
Mércores: judo adaptado (10 prazas)
Xoves: multideporte adaptado (10 prazas)
Venres: creación artística e artes escénicas inclusivas (8 prazas)
O desenvolvemento destas actividades, que será do 1 outubro de 2026 ao 18 de xuño de 2027, busca poñer o foco de atención nas necesidades dos escolares con necesidades educativas especiais reivindicando o seu dereito a ter un programa de actividades complementarias (fóra da súa xornada lectiva) a través do cal poidan practicar deporte e cultura do mesmo xeito que os demais nenos e nenas, de forma adaptada. Os grupos estarán formados por escolares de entre 6 e 21 anos, e as actividades levaranse a cabo no propio centro para facilitar a conciliación laboral e que as nenas e nenos non se teñan que desprazar a outros lugares. Ademais, tamén poderá solicitar praza o alumnado con necesidades especiales que estea escolarizado noutro centro combinado co CEE Nosa Señora do Rosario, pero só poderá pedir a actividade correspondente aos días que teña clase neste centro.
Un novo patio para o colexio
No mes de abril, o Concello tamén sacou a licitación a remodelación do patio do CEE Nosa Señora do Rosario, cun orzamento base de 107.420 €. Unha ampliación e renovación do espazo que busca adaptar as instalacións exteriores do centro ás necesidades particulares do alumnado, enriquecer as opcións de actividade da infancia e outorgarlles diferentes posibilidades dentro dun ámbito renaturalizado.

19 de junio de 2026

12 de junio de 2026

6 de junio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible