18 de marzo de 2021
A iniciativa favorecerá a inclusión das e dos inscritos ao programa e fomentará a súa participación e colaboración como parte importante do desenvolvemento comunitario
A alcaldesa, Inés Rey, e o secretario xeral de Institucións Penitenciarias do Ministerio do Interior, Ángel Luis Ortiz, asinaron este mediodía un convenio de colaboración para que 39 penadas/os presten actividades de utilidade pública no Concello dentro do seu ámbito competencial e en beneficio da comunidade. Este acordo trae implícita a creación dunha comisión de seguimento das e dos traballadores que ocuparán postos de axudantas/es de estación, de peoas/peóns de mantemento e como persoal de apoio nas conserxerías dos mercados municipais e centros cívicos, sen que isto implique un impacto negativo nas prazas actuais e futuras que ofreza a Administración local.
Neste aspecto, a alcaldesa, Inés Rey, destacou que unha medida deste alcance non podería levarse a cabo sen a cooperación estreita entre ambas as institucións e sen o rigor e seguimento que realiza Institucións Penitenciarias. O Concello parte destas 39 vacantes, pero a idea é darlle continuidade ao programa no futuro. Na sinatura tamén estiveron presentes o director do Centro de Inserción Social da Coruña, Miguel Ángel Rodríguez, e o director xeral de Institucións Penitenciarias (IIPP), Miguel Ángel Vicente, e mais a concelleira de Igualdade, Yoya Neira.
Desde a Área de Igualdade, Benestar Social e Participación sinalan que a iniciativa favorecerá a inclusión das e dos inscritos ao programa e fomentará a súa participación e colaboración como parte importante do desenvolvemento comunitario. Recordan que a inclusión se orienta a todas as facetas da vida da persoa, desde o plano persoal ao social pasando polo laboral. Así mesmo, farase un especial fincapé en preservar o ámbito de traballo destas persoas, de forma que a infracción cometida non supoña, ademais da sanción, a incidencia negativa neste eido co fin de evitar que perdan o emprego.
O Concello comprométese tamén a impartir os coñecementos e o material necesarios para que poidan desempeñar a actividade que se lles asigne dun xeito eficaz. A Administración penitenciaria, pola súa parte, encargarase da valoración das e dos penados e, a través do Servizo de Xestión de Penas e Medidas Alternativas, a xestionar e facer un seguimento da condena en colaboración co Concello. Tamén será responsabilidade de IIPP a cobertura das continxencias que lle corresponden ao Instituto Nacional da Seguridade Social por accidentes de traballo ou enfermidade profesional.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible