11 de julio de 2026
Nos vindeiros días tamén se acometerán os traballos de sinalización no Camiño do Pinar, percorrido que se asfaltou semanas atrás e que pasará a ser de prioridade peonil
O Concello avanza coa folla de ruta prevista na primeira fase do Plan de Barrios 2025-27, que proximamente sumará unha nova actuación: as melloras de accesibilidade na rúa Agra do Orzán, onde se humanizará a intersección entre a rolda de Nelle e as rúas Meira, Bellavista e Ramón María Aller.
A alcaldesa, Inés Rey, informou de que as obras xa están adxudicadas. A empresa Success Infraestructuras y Servicios será a encargada de executalas, cun investimento superior aos 200.000 euros, que permitirá ao Executivo local avanzar na remodelación e adecuación das rúas do barrio, co obxectivo de modernizalas e que gañen calidade urbana.
"Pola súa densidade e o compacto das súas rúas, a configuración urbanística da Agra do Orzán é moi especial. Por iso é fundamental ir traballando de forma progresiva como o vimos facendo desde hai anos, para ir transformando o barrio paso a paso, con medidas que teñan un impacto positivo e real no día a día da veciñanza", expuxo Rey.
No vixente mandato xa se actuou, por exemplo, no percorrido entre o Peruleiro e a rúa Barcelona, mellorando rúas como Almirante Mourelle, Manuel Deschamps e Julia Minguillón grazas á captación de fondos europeos Next Generation, renovando e ampliando as beirarrúas para gañar accesibilidade. Esa filosofía será a que se seguirá tamén nas obras previstas na rúa Páramo, adxudicadas recentemente.
Agora, o obxectivo é dar continuidade a este plan de accións na rúa Agra do Orzán, unha das principais arterias do barrio en termos de mobilidade. "Mellorar as rúas, osixenalas e facelas máis habitables para as persoas tamén contribúe a incentivar o seu tránsito, co positivo que iso é para o pequeno comercio, que cómpre revitalizar porque é sinónimo de vida e dinamización económica", explicou a rexedora.
Prioridade peonil no percorrido do Camiño do Pinar
En paralelo ás melloras na rúa Agra do Orzán, o Concello está a ultimar os preparativos para sinalizar o Camiño do Pinar, un estreito percorrido que conecta a rúa Manuel Deschamps co Peruleiro polo interior do barrio.
Semanas atrás, e co obxectivo de dar resposta ás demandas veciñais, asfaltouse o trazado. Agora, e tras as reunións mantidas polos servizos municipais coas persoas residentes na contorna, está previsto delimitar a sinalización horizontal e vertical que delimite a prioridade peonil do Camiño do Pinar, onde seguirá habilitada a circulación de vehículos mais con preferencia clara para as persoas transeúntes pola propia configuración da rúa, reforzando así a seguridade viaria nun enclave bordeado por numerosas casas de carácter unifamiliar.

9 de julio de 2026

3 de julio de 2026

25 de junio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible