Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de marzo de 2023

Coa mudanza aos postos provisionais comezarán os traballos para renovar o mercado de Monte Alto, unha intervención na que se levará a cabo un investimento de 10,4 millóns de euros

O Concello amplía as concesións aos praceiros e praceiras de Monte Alto polas obras no novo mercado

O Goberno municipal acaba de aplicar unha suspensión do prazo de duración das concesións, ata finais de ano, coa intención de apoiar aos praceiros e praceiras ata que o mercado de Indalecio Prieto estea a pleno rendemento

O Concello da Coruña prorrogou, por un prazo de dez meses, a duración das licenzas outorgadas aos praceiros e praceiras que traballan en réxime de concesionarios no mercado de Monte Alto, unha decisión motivada polas obras de renovación que acomete o Goberno de Inés Rey no recinto, e que implican o traslado das praceiras e praceiros a un mercado provisional na praza de Indalecio Prieto. A mudanza dos traballadores comezou este luns e está previsto que os postos de Indalecio Prieto abran a finais deste mesmo mes. 

Esta iniciativa, consensuada de mutuo acordo con este persoal, supón, en termos prácticos, a suspensión das concesións desde o pasado 1 de marzo -con carácter retroactivo- e ata o vindeiro 31 de decembro, período que non computará como tempo transcorrido para os efectos das licenzas concedidas ás praceiras e praceiros afectados. 

A isto súmase, ademais, unha posibilidade de prórroga por cinco anos máis, xa contemplada na licitación dos postos no mercado de Monte Alto. Deste xeito, as praceiras e os praceiros son compensados polas obras, e todos completarán os seus períodos de concesión xa no novo mercado, unha actuación que non só suporá a renovación do espazo comercial, senón tamén da propia praza e da escola infantil, así como a urbanización da contorna.

A finais de ano, e baseándose na análise previa do funcionamento do mercado provisional en Indalecio Prieto, a Concellaría de Comercio, Mercados, Consumo e Barrios avaliará se procede a ampliación do prazo de suspensión das concesións. "As obras de renovación do mercado de Monte Alto son unha intervención fundamental para dar resposta ás necesidades do barrio, que gañará en servizos e tamén no referente á calidade dos seus espazos urbanos. Serán 26 meses de traballos para dar forma á nova instalación, e o noso compromiso é e seguirá sendo firme á hora de lles axudar ás praceiras e aos praceiros de Monte Alto na súa estadía provisional na praza de Indalecio Prieto", destacou a alcaldesa, Inés Rey.

Neste sentido, "semella oportuno suspender o prazo de duración das concesións, polo menos no que resta de ano, ata que o mercado provisional de Indalecio Prieto estea a pleno rendemento, coa idea de apoiar ás praceiras e praceiros nesta fase de transición ata a súa volta ao novo mercado de Monte Alto", agregou a rexedora.

10,4 millóns de euros para renovar o mercado de Monte Alto

Os traballos para renovar o mercado de Monte Alto, adxudicados polo Goberno municipal á UTE composta polas empresas Prace Servicios y Obras e Xestión Ambiental de Contratas, contan cun orzamento de 10,4 millóns de euros.

O novo mercado incorporará melloras de eficiencia enerxética no edificio, tanto en acristalamentos como en sistemas de calefacción, así como nos equipamentos.

Inclúe, ademais, a reforma da escola infantil de Monte Alto e da praza.Tamén se actuará sobre a rúa Joaquín González, que quedará peonalizada e reurbanizada. O orzamento previsto tamén incluíu unha partida específica de 850.000 euros para crear o mercado provisional de Indalecio Prieto.

A urbanización exterior e a nova rúa peonil chegará case aos 500.000 euros de orzamento, mentres que os traballos na escola infantil ascenderán a 140.000 euros. O resto destinarase aos traballos relacionados co novo edificio. Ademais, está previsto plantar árbores na praza e nas beirarrúas, o que lle dará á contorna un maior atractivo para a cidadanía.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión