Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

27 de agosto de 2026

A etapa coruñesa percorreu este xoves 42 quilómetros entre o Parrote e a contorna da Torre de Hércules

O Concello apoia o proxecto ‘Romper o Silencio’ ao seu paso pola Coruña para promover a saúde mental

A iniciativa, impulsada polo bombeiro Jaime Domínguez, busca completar 3.953 quilómetros, un por cada persoa falecida por suicidio en España no ano 2024

A concelleira de Seguridade Cidadá, Montse Paz, participou este xoves no Parrote no encontro celebrado con motivo do paso pola Coruña de 'Romper o Silencio', o proxecto de concienciación e prevención do suicidio impulsado polo bombeiro do Concello de Madrid e corredor de ultrafondo Jaime Domínguez, coñecido como JimmyGo.

A Coruña acolleu a etapa número 77 desta iniciativa, que ten como obxectivo completar 3.953 quilómetros, un por cada persoa falecida por suicidio en España durante o ano 2024. O reto emprega o deporte como ferramenta para dar visibilidade á saúde mental e contribuír a romper o silencio e o estigma que aínda existen arredor do suicidio.

A etapa coruñesa partiu ás 8.00 horas do Parrote, cun percorrido entre este punto e a contorna da Torre de Hércules. A xornada estaba deseñada para completar 42 quilómetros, mediante voltas a un itinerario de aproximadamente seis quilómetros. A iniciativa permitiu que as persoas interesadas puidesen acompañar a Domínguez durante todo o percorrido ou incorporarse para realizar a distancia que desexasen.

Montse Paz trasladou o apoio do Concello a unha iniciativa que pon o foco na importancia da prevención e da sensibilización social arredor da saúde mental. "As administracións temos tamén a responsabilidade de contribuír a visibilizar a saúde mental e de favorecer unha sociedade na que falar, escoitar e pedir axuda non estea asociado a ningún estigma. Iniciativas como 'Romper o Silencio' contribúen a levar esta mensaxe á cidadanía e a lembrar a importancia do acompañamento e da prevención", sinalou a concelleira.

A etapa da Coruña contou tamén coa colaboración de A.D.C Bomberos A Coruña.

Un reto de 3.953 quilómetros

O número que dá sentido ao proxecto corresponde aos datos definitivos de defuncións por causa de morte do Instituto Nacional de Estatística. En 2024 faleceron por suicidio en España 3.953 persoas, das que 2.902 eran homes e 1.051 mulleres. A taxa situouse en 8,1 falecementos por cada 100.000 habitantes.

A cifra supuxo un descenso do 3,96 % respecto de 2023, cando se contabilizaron 4.116 falecementos. A pesar desta evolución, a prevención do suicidio continúa a ser unha cuestión prioritaria de saúde pública.

Jaime Domínguez iniciou 'Romper o Silencio' o pasado 12 de abril. Nunha primeira fase afrontou 50 maratóns na Comunidade de Madrid, percorrendo os seus 179 municipios. Durante agosto, o proxecto afronta unha segunda fase con 30 maratóns consecutivos por diferentes cidades españolas, desde Málaga ata Santiago de Compostela.

Tras a etapa da Coruña, o percorrido continuará por Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Santiago de Compostela, onde está previsto completar esta segunda fase o 30 de agosto. O reto global ten como meta alcanzar os 95 maratóns necesarios para sumar os 3.953 quilómetros.

O Concello da Coruña súmase deste xeito á mensaxe de sensibilización e prevención que promove 'Romper o Silencio', contribuíndo a dar visibilidade á importancia de falar da saúde mental, facilitar o acceso aos recursos de apoio e acompañar as persoas que atravesan situacións de especial vulnerabilidade.

As persoas con ideación ou risco suicida e os seus achegados poden contactar coa Liña 024, un servizo estatal gratuíto, confidencial e dispoñible as 24 horas do día. En caso dunha emerxencia vital débese contactar directamente co 112. 

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión