Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

4 de marzo de 2026

O Concello aproba as obras de humanización das rúas Páramo, Atocha Alta e Agra do Orzán

A Xunta de Goberno Local deu tamén luz verde á licitación da construción do novo espazo lúdico e deportivo no parque Adolfo Suárez

O Concello aprobou hoxe na Xunta de Goberno Local a posta en marcha dos procesos de licitación dunha nova quenda de humanizacións de rúas en distintos puntos da cidade, segundo explicou a alcaldesa, Inés Rey. Un dos proxectos levarase a cabo na rúa Páramo para resolver a problemática de accesibilidade coa renovación dos pavimentos peonís, incorporando pavimentos diferenciados conforme aos requisitos establecidos pola normativa vixente. Este proxecto completa a rolda peonil ao conectar coa rúa Barcelona.

Así mesmo, explicou Rey, inclúese a ampliación da beirarrúa na zona previa ao paso de peóns, co obxectivo de mellorar a visibilidade das/os viandantes ao cruzaren a calzada, tamén mediante o uso de pavimentos adaptados á normativa.

Ademais, levarase a cabo a renovación de determinados tramos do pavimento da calzada para completar a intervención. Dispoñerase tamén de mobiliario urbano para o gozo das zonas peonís onde haxa suficiente espazo sen afectar a circulación. Contémplase tamén a plantación de arboredo naqueles puntos onde non existan servizos subterráneos e onde a súa presenza non comprometa a visibilidade nin a seguridade.

As actuacións incluirán, ademais, a adaptación do sistema de drenaxe, a renovación da rede de augas fecais, a instalación dunha nova canalización municipal e a adecuación da sinalización viaria existente. O investimento total superará os 360.000 euros. 

Humanizarase tamén no tramo central da rúa Atocha Alta -explicou a alcaldesa- entre as prazas de Cántigas da Terra no seu extremo oeste e de Juan Manuel Iglesias Mato, no seu extremo sur, ademais dun tramo da rúa Tui, ata a súa intersección coa rúa Cuevas, cun proxecto no que se investirán máis de 380.000 euros.

Esta actuación consistirá, tamén, na mellora da accesibilidade e incluirá o aumento de ancho das beirarrúas, con plataforma única nos tramos onde non hai ancho suficiente para dispoñer beirarrúas accesibles, implantación dunha nova rede de pluviais, renovación da rede de augas residuais, reforzo da iluminación existente con luminarias en fachada, canalización municipal, mobiliario urbano e dispoñerase novo arboredo onde sexa posible.

A terceira intervención neste sentido será na Agra do Orzán. As accións que se levarán a cabo coinciden coas dos outros dous proxectos, con adaptación e reordenación de espazos para mellorar a accesibilidade peonil, adaptación da drenaxe, execución dunha canalización municipal baixo a calzada, instalación de novo mobiliario e arboredo e de sinalizacións verticais e horizontais. O investimento será de máis de 260.000 euros. 

Tamén como parte da implantación da mellora dos espazos públicos na cidade, aprobouse a saída a licitación do proxecto de remodelación dun novo espazo lúdico e deportivo no parque Adolfo Suárez, cun orzamento duns 445.000 euros. Isto inclúe a habilitación dunha pista multideporte e de varias atraccións para a mocidade. Tamén se renovarán os elementos biosaudables da zona, como as bicicletas elípticas, os bancos de abdominais ou a prensa de peito dobre, entre outros. 

"A nosa cidade é un proxecto que está sempre en marcha. Sempre hai cousas que mellorar. Queremos ofrecerlle á veciñanza de todos os barrios as mellores condicións, con rúas accesibles que sexan para todo o mundo e zonas para o esparexemento que permitan vivir dignamente. Niso estamos todos os membros deste Goberno e niso imos estar sempre", subliñou Inés Rey. 

Recuperación da Bágoa de San Roque

A Xunta de Goberno Local tamén lle deu luz verde á recuperación de dous locais na Bágoa de San Roque que finalizaran o período de concesión. Así, o Concello busca recuperar a totalidade do espazo para restauralo e se converter, neste ano, nun novo equipamento público para o barrio de Monte Alto e As Atochas.  

"A cidade é dos veciños e veciñas. É fundamental que o Concello faga todo o posible porque a cidadanía teña espazos públicos para o seu desfrute.  A Bágoa de San Roque é un lugar inmellorable para isto", apuntou Inés Rey. 

Servizo de comidas a domicilio

Outra licitación que se puxo en marcha foi a do servizo municipal de comidas a domicilio, que reparte menús e asesora na elaboración de receitas saudables a persoas dependentes da terceira idade, fomentando o envellecemento activo e promovendo os bos hábitos deste grupo de poboación a través da entrega dunha comida diaria todos os días do ano. 

O investimento total do contrato é de 1.413.702,40 euros, distribuídos en dous anos (706.851,20 euros anuais) con posibilidade de prórroga por outros dous anos. O plan do programa inclúe accións como:

  • Deseño e elaboración dos menús.  

  • Traslado da comida ata o domicilio da persoa usuaria nos días establecidos polos Servizos Sociais municipais. 

  • Instruír, informar e asesorar o/a usuario/a, ou a persoa responsable, sobre o procedemento correcto para preparar os alimentos para a súa inxesta e o adecuado manexo do microondas e das correctas prácticas de hixiene e manipulación dos alimentos que se entreguen.

Actualmente, explicou Rey, o dispositivo de comidas a domicilio está a dar servizo a case 450 persoas, e contribúe, dixo, a mellorar sensiblemente a calidade de vida de persoas que moitas veces teñen limitacións severas e que precisan este tipo de axudas. "Unha vez máis suplimos con fondos e programas municipais a inacción doutras administracións, como a Xunta que, tendo competencias plenas en benestar social, non as aplican como deberan", indicou a alcaldesa. 

Material de reciclaxe

O Concello tamén continuará coa senda da mellora dos datos de separación de residuos en orixe, para a que ten en marcha licitacións por un investimento de 263.741 euros para mercar 272.460 tarxetas sen contacto de apertura electrónica de contedores.

Este novo material adquírese grazas á utilización dos fondos Next Generation da Unión Europea, acadados polo Goberno municipal tamén para facilitar a mellora da reciclaxe e recuperación de residuos. "A Coruña é unha cidade verde. Os datos de reciclaxe son, en xeral, bos. Pero sempre se pode facer máis. Queremos alcanzar os obxectivos europeos de separación de residuos e ser un referente nesta materia. Para iso, fai falta investimento e fai falta un plan detallado de xestión. Este goberno fixo ambas as cousas", dixo a alcaldesa. 

Execución dos fondos EDIL-PAI

Aprobáronse tamén os marcos e protocolos de actuación que se utilizarán para a execución das novas partidas de fondos europeos EDIL-PAI, que A Coruña recibiu sendo unha das poboacións de España mellor valoradas polos órganos comunitarios. 

En total, foron 8.730.304 euros de investimento que se destinarán ao cofinanciamento ao 60% dos plans de rexeneración dos Mallos e da Sagrada Familia no marco do plan "Conectando a Rolda dos Barrios". O desembolso total destas actuacións de mellora da infraestrutura urbana superará os 14 millóns de euros, e o Concello achegará a cantidade restante. 

"Avanzamos desde o día un na nosa tarefa de facer os barrios da cidade acolledores, lugares onde apeteza vivir e facer vida. E niso acompáñanos de maneira fundamental a Unión Europea, que ve na Coruña unha cidade moderna que quere crecer de forma sostible e xusta", engadiu Inés Rey.

Bases de admisión das escolas infantís

Outra cuestión que saíu adiante, explicou a alcaldesa, foi a aprobación das bases de admisión para prazas na rede municipal de escolas infantís. No texto proposto establécese a apertura do prazo para solicitar a reserva de praza nunha escola municipal infantil ou o traslado a outra entre o 9 e o 12 de marzo. Este prazo é para o alumnado xa matriculado que queira seguir nas escolas.

Ademais, o día 13 de marzo publicaranse na páxina web municipal as prazas libres para novos ingresos. As matrículas serán do 16 ao 30 de marzo. Como novidade, no curso 2026/2027, establécese a gratuidade do horario ampliado. Soamente se pagará polos servizos complementarios de comida. Os nenos e nenas que, por circunstancias excepcionais, deban permanecer na escola máis de 8 horas (máximo 10) farano de forma gratuíta. O Concello da Coruña xa foi pioneiro en Galicia na gratuidade do servizo das escolas infantís, agora amplíao tamén e asume a gratuidade do horario excepcional.

As novas  bases eliminan tamén as convocatorias extraordinarias. Establécese unha convocatoria ordinaria cunha lista de agarda única (para todo o conxunto da rede de EIM). De tal forma que se poidan ofertar prazas nas escolas a medida que quedan dispoñibles. 

A maiores, no caso de circunstancias excepcionais que xurdan durante o curso escolar, como un traslado á cidade da Coruña pola metade do curso ou outras circunstancias debidamente xustificadas, poderase obter praza nunha escola infantil se existe vacante e non hai lista de agarda. Isto sen necesidade de que se realice unha convocatoria extraordinaria ou sen que se participase na ordinaria. Desta forma, búscase facilitarlle á cidadanía o acceso ao servizo municipal.

Congreso da PARJAP

A Coruña será presentada como candidata para ser a sede do Congreso de la Asociación Española de Parques y Jardines Públicos (PARJAP) no ano 2028, o maior encontro nacional anual de responsables da infraestrutura verde urbana, especialmente daqueles que manteñen o arboredo e os espazos verdes públicos en todo o territorio. O Concello postulouse atendendo á inmellorable situación da cidade, que nos últimos tempos viviu unha renovación estrutural dos seus espazos axardinados e é unha referencia autonómica e nacional neste campo.

Outras cuestións

A Xunta de Goberno tamén aprobou a concesión da licenza para realizar obras de ampliación, acondicionamento interior e implantación dun centro deportivo no edificio C.D. Agra, sito na rúa Alcalde Liaño Flores. A reforma inclúe a ampliación dos espazos de uso deportivo interiores e exteriores, a emenda de defectos ou estragos e a modernización xeral das instalacións para mellorar as súas prestacións e accesibilidade. 

Así mesmo, a Concellería de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda aprobou 144 licenzas de distinto tipo, entre as que se encontran a construción dun novo edificio no soar baleiro da rúa Asturias, núm. 26 e o proxecto de reforma do bloque de Camiño da Igrexa, núm. 22, que se suma ao permiso xa tramitado da edificación lindante, no núm. 20.

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión