26 de enero de 2026
A alcaldesa, Inés Rey, e o reitor da UDC, Ricardo Cao, formalizaron o traspaso do complexo da antiga Fábrica de Armas para rematar o proxecto do polo de innovación tecnolóxica, no que o consistorio financiará tres edificios da universidade
A Cidade das TIC, proxecto concibido como unha punta de lanza de innovación tecnolóxica, industrial e de investigación na Coruña, avanza cara a plena funcionalidade das antigas instalacións de Defensa. Hoxe a alcaldesa, Inés Rey, e o reitor da UDC, Ricardo Cao, asinaron no Palacio de María Pita o convenio de cesión da Universidade ao Concello do complexo. Neste enclave, que xa acolle un dos platós de gravación máis modernos de España, entre outros servizos, o Concello investirá máis de 11 millóns de euros en catro anos para a materialización dun polo de innovación que estea á vangarda de Europa.
Desde que o 18 de febreiro de 2020 o Ministerio de Defensa lle cedera os terreos á UDC, Universidade e Concello traballaron conxuntamente na elaboración dun plan para a dotación das infraestruturas necesarias para impulsar o nacemento da Cidade das TIC. Durante o ano pasado, ambas as institucións colaboraron para elaboraren un texto definitivo que definise os termos nos que se levaría a cabo a cesión do enclave e os compromisos que asumirían ambas as partes.
O Concello achegará os fondos necesarios para a creación de tres novos edificios para a universidade, mentres que a UDC utilizará as instalación para desenvolver as súas actividades docentes e profesionais centradas na divulgación e o I+D+i. O Concello cederalle gratuitamente á UDC tres inmobles (1, 7 e 9) para seren destinados ao proxecto, en réxime de cesión de uso.
A previsión inicial é que a execución das obras se estenda ata o ano 2028, pero cunha posibilidade de prórroga de ata catro anos adicionais. "Nos últimos exercicios, o Concello investiu máis de 3 millóns de euros na Cidade das TIC. Hoxe reafirmamos o noso compromiso co impulso definitivo do que, estou convencida, será un dos polos de innovación e desenvolvemento económico da cidade", subliñou Inés Rey, que tamén celebrou que "por fin temos ao alcance da nosa man converter a Cidade das TIC nun verdadeiro polo de innovación tecnolóxica e industrial que atraia o talento e o investimento e poña A Coruña á cabeza de Europa nestes campos".
O reitor da UDC, pola súa banda, destacou que esta decisión permite "avanzar cara un modelo de gobernanza máis eficiente, no que as administracións con competencias urbanísticas, industriais e empresariais poidan impulsar o desenvolvemento das infraestruturas, garantindo ao mesmo tempo que todas as iniciativas de formación, investigación e transferencia da Cidade das TIC continúen baixo a coordinación académica da UDC".

20 de enero de 2026

17 de enero de 2026

14 de enero de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible