6 de marzo de 2026
Onte comezou a renovación do firme entre a Torre e o Aquarium, que incluirá a retirada dos antigos raís do tranvía no bordo terrestre e o soterramento no bordo marítimo, ampliando o carril runner
O Concello dará continuidade hoxe ao seu plan de choque nas calzadas de titularidade municipal, unha medida coa que o Goberno de Inés Rey busca actuar sobre as superficies máis erosionadas do firme tras o impacto derivado destas últimas semanas de choiva e temporais.
Está previsto que se actúe sobre máis de 30 puntos repartidos polo conxunto da cidade, con intervencións de bacheo priorizadas polo servizo municipal de Infraestruturas en base a criterios técnicos e de urxencia.
Rúas como Fernando Rey (Catro Camiños), Xeneral Rubín e a avenida Pablo Picasso (Elviña), Javier López López (O Castrillón), a avenida de Arteixo á altura de Vioño, a avenida Buenos Aires (Riazor), a Terceira Rolda á altura de Visma, e rúas como Gambrinus e José María Rivera Corral (polígono de Agrela) serán varios dos puntos onde se actuará, mais non serán os únicos.
As directrices remitidas polo Concello á contratista do servizo tamén estipulan a necesidade de tapara as fochancas na avenida do Exército, a rúa Caballeros (Catro Camiños), María Puga Cerdido e Luciano Yordi de Carricarte (Matogrande), avenida de Montserrat (Eirís), alcalde Sanjurjo de Carricarte (Monte Alto), Orillamar e a baixada entre San Pedro de Visma e O Portiño, entre máis enclaves dos dez distritos da Coruña.
No caso de que as condicións meteorolóxicas dificultasen hoxe a concreción da quenda completa de traballos, o Concello ten previsto que os operarios continúen o luns.
En paralelo, inicio dos traballos de renovación do firme entre Torre e Aquarium
Ademais destes traballos de fochancas, concibidos como unha medida de continxencia, o Concello tamén está a reforzar a súa campaña de asfaltados integrais, con actuacións máis amplas como as que se están a executar no paseo marítimo.
Tras os traballos executados esta semana entre as Escravas e a avenida de Labañou, xa finalizados, onte comezou unha nova actuación no treito do paseo que vai dende a rotonda da Torre ata a do Aquarium Finisterrae, unha actuación que o Goberno local aproveitará para lle dar continuidade á adecuación das infraestruturas e carrís, buscando darlle uniformidade á estética do paseo en sintonía con treitos como os dos Pelamios e As Ánimas, xa remodelados tempo atrás.
Neste sentido, a previsión do Concello é actuar en ambas as marxes da calzada entre a Torre e o Aquarium para, ademais de renovar o firme, retirar os raís do tranvía na beira terrestre -raís actualmente en desuso e que poden supor un risco en materia de circulación e seguridade viaria- e, por outra banda, o soterramento dos que están máis próximo ao bordo marítimo.

27 de febreiro de 2026

18 de febreiro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible