29 de abril de 2026
A alcaldesa, Inés Rey, supervisou hoxe o avance desta actuación que supón un investimento de máis de 740.000 euros e creará no parque novos sendeiros, mobiliario urbano, iluminación, vexetación e espazos deportivos
As obras de mellora e replanificación do parque de Santa Margarida avanzan a bo ritmo tras varios meses de traballos no recinto. O proxecto, cun investimento de máis de 740.000 euros, mellorará un dos espazos verdes máis relevantes da cidade ao traer novo mobiliario, vexetación e áreas de paseo, cunha formulación ideada para aproveitar ao máximo todo o terreo.
A alcaldesa, Inés Rey, supervisou hoxe xunto á concelleira de Mobilidade e Infraestruturas, Noemí Díaz, o desenvolvemento dos traballos, que afectan a unha superficie de máis de 78.000 m². As actuacións en execución inclúen a renovación e adaptación dos camiños e sendas e a ampliación e mellora dos equipamentos e mobiliarios -tanto deportivos como de lecer-.
Ademais, incorporouse un novo illote axardinado para realzar a avenida das Ciencias, pavimentada con lastra de granito gris. Tamén se elevaron muros de cachotería para favorecer o desenvolvemento correcto das raíces das árbores lindeiras e evitar futuros danos nos camiños.
"O parque de Santa Margarida é un dos pulmóns da Coruña pero necesitaba unha renovación que puxese en valor o seu conxunto e explotase ao máximo sectores que ata agora non estaban tan ben aproveitados. No novo parque, será aínda máis agradable pasear, facer deporte e xogar cos nenos e nenas", subliñou a alcaldesa durante a súa visita.
Entre as melloras tamén se atopa un novo circuíto de sendeiros co que se conectarán os diversos espazos de ocio. Renovarase tamén o mobiliario urbano do parque para darlle uniformidade en termos estéticos, con actuacións especialmente centradas nos espazos máis deteriorados, como os merendeiros.
As novas pistas para correr chegarán á área de calistenia que se construirá sobre o espazo deportivo que xa existe ao nordeste do parque. A ampliación da área deportiva realizarase cun elemento tipo gaiola e coa reordenación dos elementos existentes nun espazo máis amplo. Para manter o mesmo sistema do pavimento de madeira, este crecerase de xeito orgánico para que funcione, á súa vez, como área de chegada da pista de correr.
Humanizar, ambientar e revitalizar
A intervención tamén suporá a ampliación da área de xogos infantís próxima ao acceso desde a avenida de Arteixo, onde se sumarán novos equipamentos, o que permitirá ampliar o rango de idades para o seu uso diario. En definitiva, xerarase unha plataforma única que conteña todos os novos elementos e dotarase o conxunto de bancos de descanso. Coa intención de que a actuación se mimetice coa contorna natural, o pavimento é de cortiza de piñeiro. Ademais, os xogos serán de madeira sen tratar, o que dota dun aspecto rústico o conxunto.
"O proxecto segue a premisa de humanizar, ambientar e revitalizar espazos pouco utilizados, especialmente dentro das áreas boscosas, incoporando materiais naturais e respectando sempre a vexetación existente", apuntou Inés Rey. Ademais, as actuacións inclúen a reposición de árbores danadas ou enfermas e a plantación de novos exemplares para realzar avenidas e camiños, completar aliñacións e revexetar zonas verdes.
O proxecto abranguerá tamén a instalación de novas luminarias para resaltar elementos de interese patrimonial como os hórreos, así como a creación dun estanque na contorna da Rosaleda, integrado nunha nova avenida peonil iluminada e con vistas cara á cidade. A maiores, completarase unha actuación no paseo das Ciencias coa colocación de placas conmemorativas dedicadas a 15 das principais científicas da historia de Galicia, para reivindicr os seus legados desde un espazo público preferente.

23 de abril de 2026

23 de abril de 2026

22 de abril de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible