Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de maio de 2023

As bibliotecas municipais continuarán ata o venres coa súa programación especial dentro da Semana das Letras Galegas

O Concello celebra mañá o Día das Letras Galegas coa lectura pública de textos de Fernández del Riego

Os xardíns de Méndez Núñez acollerán durante toda a xornada actividades lúdicas, culturais e musicais

A lectura pública de textos de Francisco Fernández del Riego será mañá o acto central da programación promovida polo Concello para a celebración do Día das Letras Galegas

Durante toda a xornada, en horario de mañá e tarde, os xardíns de Méndez Núñez serán o escenario de múltiples actividades dentro da Semana C programada polo Concello e que ten a xornada de mañá mércores como día final da programación prevista para os Xardíns. Cómpre lembrar que hoxe, ás 21.00 horas haberá un concerto de Sés, que con anterioridade participará nun faladoiro para responder ás preguntas do xornalista Javier Becerra.

A celebración do Día das Letras Galegas este mércores terá unha chea de actividades nas que se mesturarán literatura, artesanía, música, bailes tradicionais e que terá como acto central a lectura pública de textos de Francisco Fernández del Riego, persoeiro ao que está dedicado este día. Será ás 12.30 horas, aínda que os actos iniciaranse xa ás 11.00 horas e terán continuidade pola tarde a partir das 18.00 horas.

Serán as agrupacións folclóricas e culturais Aturuxo, Donaire e Son D´Aquí as que abran as actividades desde as 11.00 horas e, despois da lectura de textos de Francisco Fernández del Riego, a programación da mañá rematará coa presenza de Cántigas da Terra e o espectáculo poético musical "Chulísima", con Aldaolado, dúo poético formado polas poetas María Lado e Lucía Aldao.

Pola tarde, desde as 18.00 horas, haberá tempo para a literatura, co faladoiro "A Coruña Literaria", no que participarán Carmela Galego, Jorge Castro e María Xosé Bravo, para a historia, co faladoiro "A Cidade", coa participación de Felipe Senén e Xosé Alfeirán e coa mestura de poesía e música, cun espectáculo protagonizado pola poeta Lúa Mosquetera e o músico Pablo Seijas.

Durante toda a tarde haberá tamén un obradoiro no que os participantes terán a oportunidade de elaborar pulseiras de coiro.

Ademais, as bibliotecas municipais proseguen coa súa programación especial para celebrar o Día das Letras Galegas. Hoxe a biblioteca de Durán Loriga programará, desde as 18.00 horas, o encontro-obradoiro "Pequena Fauna do Cantigueiro de Cotobade: cantigas, debuxos e pandeiretas", con David Carballal, para rapaces de entre 5 e 12 anos. Xoves e venres haberá máis actividades nas bibliotecas do Castrillón, Fórum e Ágora, cun concerto final de Abraham Cupeiro o venres ás 21.00 horas no Ágora, actividade organizada tamén polo Servizo de Normalización Lingüística.

O xoves, ademais, a Banda Municipal de Música ofrecerá un concerto especial con motivo do Días das Letras Galegas. Será ás 20.00 horas no Teatro Colón. 

O Concello programa do 12 ao 19 unha semana das letras e as artes para amosar a creatividade e a produción cultural contemporánea dos creadores e creadoras locais, artellando un programa de actividades aberto a todos os públicos e que permita resaltar o carácter culturalmente vivo, innovador, participativo e divertido da Coruña.

PROGRAMACIÓN 

Martes 16

Biblioteca Durán Loriga. 18:00h. Encontro-obradoiro. Pequena Fauna do Cantigueiro de Cotobade: cantigas, debuxos e pandeiretas, con David Carballal (5-12 anos).

Xardíns de Méndez Núñez

18:00h-21:00h. Obradoiro: Elaboración de flores de coiro.

19:30h. Faladoiro: A Coruña é música. Javier Becerra entrevista a Sés.

21:00h. Concerto: Sés

Mércores 17. Día das Letras Galegas.

Xardíns de Méndez Núñez

11:00h. Actuación da Aturuxo A.F.

11:30h. Actuación da A.C. Donaire.

12:00h. Actuación da A.C.Son D´Aquí.

12:30h. Lectura pública de textos de Francisco Fernández del Riego.

13:00h. Actuación de Cántigas da Terra.

13:30h. Faladoiro: Espectáculo poético musical: Chulísima con Aldaolado.

18:00h. Faladoiro: A Coruña Literaria, presentada pola A.C. Alexandre Bóveda. Participan Carmela Galego, Jorge Castro e Mª Xosé Bravo.

18:00h-21:00h. Obradoiro: Realización de pulseiras de coiro (2 quendas).

19:30h. Faladoiro: A Cidade. Marta Otero e Lois Alcayde conversan con Felipe Senén e Xosé Alfeirán.

20:30h. Faladoiro: Espectáculo poético musical: Lúa Mosquetera (acompañada de Pablo Seijas).

Xoves 18

Biblioteca Castrillón. 18:00h. Contacontos O Paroleiro, con Pablo Pablísimo (4-8 anos).

Biblioteca Ágora. 18:00h. Contacontos. Romaría, contos e lendas da nosa terra, con Raquel Queizás. (3-8 anos).

Teatro Colón. 20:00 h: Concerto da Banda Municipal de Música.

Venres 19

Biblioteca Fórum. 18:00h. Contacontos. Contos para escoitar mentres bailamos un valse, co Caxoto (4-8 anos).

Centro Sociocultural Ágora.  21:00h. Concerto ÁgoraSon: Os Sons Esquecidos, con Abraham Cupeiro.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión