8 de noviembre de 2020
Até 64 empregadas/os do sector recibirán este mes de forma gratuíta o curso de mantemento da competencia do certificado de suficiencia de formación básica en seguridade, co que poderán seguir desenvolvendo as súas tarefas.
Pese a non ter competencias no sector pesqueiro, o Concello contribuirá igualmente a paliar as perdas económicas das traballadoras e traballadores do mar impartindo de xeito gratuíto catro cursos de mantemento da competencia do certificado de suficiencia de formación básica en seguridade. A dita formación, de 16 horas, evitará que este persoal traballador se teña que desprazar a outros municipios para asistir ás clases e poida renovalo no noso municipio. De carácter eminentemente práctico, a actividade refrescaralle cuestións como técnicas de supervivencia persoal de prevención e loita contra os lumes.
Deste xeito, o Goberno local apoiará a outras administracións ás que si lles compete o sector, como a Xunta e o ISM (Instituto Social da Mariña) polo ben da pesca na cidade. Desde Emprego, lembran que A Coruña é líder en España cunha media de 40.000 toneladas anuais de pesca fresca e marisco e mais cun volume de negocio de arredor dos 80 millóns de euros anuais na primeira venda, que lles dá traballo a 10.000 coruñesas e coruñeses. Por mor da pandemia, unha parte importante, como é a baixura, que negocia con bares e restaurantes, quedou practicamente paralizada e os ingresos das persoas que traballan no mar diminuíron dunha maneira considerable.
Neste aspecto, a normativa internacional das e dos traballadores do mar (ILO) esixe que cada cinco anos, as empregadas e empregados renoven este certificado de suficiencia de formación básica en seguridade para confirmar que son aptas/os para seguiren asumindo as tarefas, os labores e as responsabilidades a bordo dos barcos.
Debido a que esta oferta formativa se realiza en lugares afastados da Coruña, como Bamio ou Portosín, o Goberno local impedirá así que o persoal afectado teña que se desprazar até alí cos conseguintes gastos de combustible, aloxamento e comidas e, sobre todo, evitará que teña que amarrar as embarcacións e perder días no mar para asistir ao curso. O primeiro deles comezou esta semana no peirao de Oza e desenvolverase os venres e os sábados; os tres cursos restantes terán lugar unha vez por semana. Comezarán todos os venres de novembro.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible