17 de maio de 2025
Os traballos para deixar as praias listas para a tempada estival prolongaranse ata principios de xuño
Este luns 19 de maio, o Concello da Coruña comezará os traballos para retirar a duna de area da praia de Riazor, que protexeu o Paseo Marítimo dos temporais costeiros durante a tempada invernal.
A duna instalouse na segunda quincena do pasado mes de outubro e, xa en febreiro, acometéronse tarefas de reconstrución da estrutura para reparar os danos causados polas tres borrascas seguidas que marcaron o inverno de 2025. Agora, xa na conta atrás para o inicio da nova tempada de praias, retirarase.
Dadas as dimensións da duna, de 360 metros de longo, utilizaranse dúas niveladoras bulldozer e unha retroescavadora que removerán miles de metros cúbicos de area. "A retirada da duna é o traballo máis importante para a tempada estival, pero non é o único", sinalou hoxe a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira. "Hai que desenterrar e limpar as duchas e lavapés de todas as praias urbanas e, a continuación, comprobar o seu funcionamento, instalar as casetas de socorristas e as dos programas de educación ambiental, así como outras tarefas, para poder gozar dos areais da Coruña a partir do 15 de xuño", engadiu.
A duna de Riazor levantouse por primeira vez no ano 1995 como resposta a un forte temporal que derrubou a antiga balaustrada do Paseo Marítimo ao seu paso por este areal.
12 de xuño de 2025
28 de maio de 2025
22 de maio de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible