6 de abril de 2026
O prazo de solicitude estará aberto do 7 de abril ao 5 de maio e as actividades poderanse executar ata o 31 de decembro de 2026
O Concello da Coruña abre, tras a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, o prazo para solicitar as subvencións destinadas a actividades de interese social en materia de igualdade e diversidade correspondentes ao exercicio 2026. As axudas, en réxime de concorrencia competitiva, están dotadas con 150.000 euros e poderanse solicitar ata o 5 de maio a través da sede electrónica municipal.
A convocatoria ten como finalidade apoiar economicamente as entidades que traballan na cidade na promoción da igualdade de xénero, na inclusión social desde o recoñecemento das diversidades e na prevención das violencias machistas. O Goberno local reforza así o seu compromiso co tecido asociativo coruñés e co desenvolvemento de proxectos que contribúan a construír unha cidade máis igualitaria, máis inclusiva e libre de discriminacións.
A primeira liña de financiamento, dotada con 60.000 €, está orientada ao fortalecemento e empoderamento do movemento asociativo. Permitirá sufragar gastos de funcionamento das entidades, como persoal administrativo, alugueiro da sede, subministracións, limpeza, seguridade, seguros ou servizos de asesoramento fiscal, laboral e contable. Trátase dunha liña pensada para consolidar a estrutura das asociacións e facilitar a súa actividade diaria na defensa dos dereitos das mulleres e dos colectivos minorizados.
A segunda liña, cun importe de 90.000 €, está destinada ao financiamento de proxectos e actividades de prevención das violencias machistas en sentido amplo e atención ás vítimas, así como accións de promoción da igualdade de xénero e de defensa do recoñecemento e dos dereitos das persoas LGTBQI. Esta liña articúlase en dous programas específicos: un centrado no fomento da igualdade e na erradicación das violencias machistas cara ás mulleres e ás persoas menores, e outro orientado á promoción activa dos dereitos LGTBQI e á loita contra os discursos e comportamentos de odio.
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa salientou que estas subvencións "son unha ferramenta clave para seguir reforzando o traballo que realizan na Coruña as entidades que sosteñen, desde o ámbito social e comunitario, a defensa da igualdade e da diversidade". A concelleira subliñou ademais que "o apoio municipal busca darlle estabilidade ao movemento asociativo e impulsar iniciativas que preveñan as violencias machistas, defendan os dereitos das persoas LGTBQI e sigan abrindo camiño cara a unha igualdade real e efectiva", e recordou que estas liñas de axudas responden tamén ás políticas impulsadas por Inés Rey na procura dunha igualdade efectiva entre todas as persoas.
As actividades subvencionadas poderán executarse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026. Neste sentido, a convocatoria dá cobertura tanto ao sostemento das entidades como ao desenvolvemento de programas concretos durante todo o ano, manteñen o esquema de financiamento xa vixente en 2025.

19 de junio de 2026

17 de abril de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible