Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de setembro de 2023

O Concello da Coruña adxudica o servizo de xestión e dinamización que reforzará a programación de actividades xuvenís nas naves do Metrosidero

A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores a participación na segunda fase do Plan de Obras e Servizos da Deputación para acometer melloras na rede de pluviais das rúas da Urbanización Breogán

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, que deu luz verde á adxudicación do servizo de xestión, coordinación e dinamización dos espazos destinados á mocidade nas naves do Metrosidero, unha instalación municipal aberta polo Goberno municipal a finais do mes de marzo deste ano.

O recinto, habilitado para persoas entre 12 e 30 anos de idade, conta con tres naves ideadas como punto de encontro para as mozas e mozos, con áreas de lecer, espazos orientados á práctica da escalada e deportes urbanos, e estancias específicas como un servizo de información xuvenil, onde a rapazada pode solicitar orientación sobre diversas temáticas (educación, lecer e tempo libre, recursos para a mocidade, etc.).

Este espazo contará cunha ampla programación de actividades xuvenís, na que o Concello levará a cabo un investimento anual de algo máis de 112.000 euros. O servizo será asumido pola empresa Atlantic Ponte 2000, adxudicataria dun contrato que terá unha duración dun ano, prorrogable por outras catro anualidades.

A alcaldesa subliñou que "a maiores da programación de actividades para a mocidade, da oferta presentada valorouse a bolsa de horas adicionais para a ampliación do horario de apertura do centro coa realización de actividades en xornadas festivas e domingos. Tamén a formación en primeiros auxilios que recibirá o equipo de profesionais que dirixirá as actividades para as mozas e mozos".

Participación na segunda fase do Plan de Obras e Servizos da Deputación

Noutra orde de asuntos, o Goberno municipal aprobou este mércores a participación do Concello na segunda fase do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal, da Deputación da Coruña, solicitando a través desta convocatoria unha achega de 175.626,48 euros para acometer melloras na rede de pluviais da rúa Félix Rodríguez de la Fuente, na Urbanización Breogán. A intervención, que contará cun orzamento base de licitación de 343.685,16 euros, será cofinanciada polo Concello, que achegaría os 168.058,68 euros de diferenza para executar os traballos.

Cómpre lembrar que, na primeira fase da convocatoria, o Goberno de Inés Rey xa solicitou fondos para cofinanciar traballos de mellora previstos no lugar de Eirís de Abaixo e tamén en Mesoiro Vello.

No caso de Eirís de Abaixo, o Concello prevé acometer unha intervención para recuperar o caudal de auga da fonte dos Caños, un enclave histórico de alto valor patrimonial para o barrio, situado entre Eirís de Abaixo e a parte superior do parque de vivendas do Ofimático.

No referente a Mesoiro Vello, e tamén baixo un formato de cofinanciación ao abeiro do POS, o Concello ten previsto acometer unha intervención para a reconstrución da pasarela de madeira existente sobre o río Mesoiro e que forma parte do itinerario peonil que conecta a rúa Fonte Grande coa rúa Horta. 

Balance de licenzas

Ademais, este mércores, a Xunta de Goberno Local tamén fixo balance das licenzas resoltas no período entre os días 8 e 21 de setembro, con 192 expedientes notificados, dos que 18 foron licenzas urbanísticas e 114 foron obras en réxime de comunicado.

Dúas licenzas para a construción de vivendas na Falperra e o polígono de Náutica

A este respecto, e como asunto destacado, hoxe autorizouse a concesión de licenza a Amma Desenvolvementos Urbanos sobre o proxecto modificado para a construción de dous edificios no soar correspondente aos números 128 da rúa Juan Flórez e o 7 da Escalinata Maestro Clavé, no sector leste do barrio da Falperra.

En dito soar está prevista a creación dun conxunto residencial que incluirá 22 vivendas, garaxe e rochos -cunha distribución de 10 vivendas no caso do edificio correspondente ao nº 128 da rúa Juan Flórez, e de 12 no nº 7 de Maestro Clavé-. O prazo de execución para completar as obras, toda vez se notifique a concesión de licenza, será de 36 meses.

A maiores, tamén hoxe, concedeuse licenza a Desarrollos Inmobiliarios Kontiki para a construción dun edificio de 44 vivendas, rochos e garaxe no polígono de Náutica. Concretamente, no conxunto das parcelas correspondente aos números 34-36 da rúa Paseo de Rolda e o número 16 da rúa Julio Rodríguez Yordi. O orzamento material para a execución das obras é de 4,5 millóns de euros. A promotora disporá dun prazo de seis meses para comezar os traballos, e de 36 meses para finalizalos. 

Por outra banda, hoxe tamén se autorizou a modificación puntual das bases do programa das 'Becas USA' con vistas ao curso 2024-2025.

Neste sentido, o Goberno de Inés Rey introduciu algunhas melloras para os beneficiarios e as familias, como un novo complemento de axuda ás persoas beneficiarias en situación de vulnerabilidade social no referente aos gastos de preparación de viaxe. 

Ademnais, tamén se aprobou unha modificación de cara á baremación de solicitudes co obxectivo de darlle máis peso á situación socio-económica e socio-familiar das persoas solicitantes.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión