18 de noviembre de 2023
As sesións desenvolveranse os días 23 e 25 de novembro no centro cívico do barrio e na nova instalación
O Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Medio Ambiente, organizará unhas charlas formativas sobre o funcionamento do novo composteiro comunitario do barrio de Novo Mesoiro, que estes días quedará instalado. Trátase da primeira instalación dunha iniciativa que chegará nos próximos meses a outros barrios da cidade. Está prevista a súa instalación de maneira inminente e a súa posta en funcionamento nas vindeiras semanas.
O obxectivo desta iniciativa é familiarizar aos veciños e veciñas do barrio co funcionamento deste novo equipamento. As sesións serán impartidas por persoal cualificado e repartiranse entre o centro cívico e a nova instalación, situada xunto á escola infantil de Novo Mesoiro.
Haberá dúas xornadas de formacións, a escoller entre os seguintes días:
A primeira parte da formación desenvolverase no centro cívico e nela impartiranse nocións básicas sobre o funcionamento do composteiro. Na segunda parte, en función da meteoroloxía, as persoas participantes acudirán á nova instalación para comprobar o procedemento a seguir para depositar os seus residuos orgánicos.
A inscrición nas formacións xa está habilitada por vía online, na web do Concello, e fisicamente, no Centro Cívico de Novo Mesoiro.
O Goberno de Inés Rey busca con este proxecto que a cidadanía deposite neste equipamento os seus residuos orgánicos e, así, se familiarice co proceso de xeración de compost. O produto resultante poderá ser empregado pola propia cidadanía, polas persoas adxudicatarias das hortas urbanas do barrio ou como abono para parques e xardíns de titularidade municipal.
Como funciona
A compostaxe comunitaria consiste en empregar a fracción orgánica/biorresiduos domésticos xerados nas diversas vivendas ou actividades para facer compost de calidade na proximidade dos fogares. A compostaxe realízase de forma controlada co apoio de mestres composteiros nestes novos centros de compostaxe de uso común para a cidadanía situados axeitadamente en zonas verdes.
O mestre ou mestra composteiro será o encargado de que a compostaxe se realice correctamente. Vixiará parámetros como a humidade, a temperatura e o aireado do proceso de compostaxe na procura de aumentar a calidade do compost final. Tamén resolverá calquera dúbida das persoas participantes.
Os novos centros de compostaxe comunitaria están formados por unidades modulares dun metro cúbico, onde se desenvolverán as distintas fases do proceso de compostaxe. No caso do novo centro de compostaxe comunitario no barrio de Novo Mesoiro, conta con seis módulos en total. Ademais, a carón do mesmo, hai unha caixa con restos de podas do servizo de xardíns (axente estruturante) para que os cidadáns poidan recoller esta materia seca coa que cubrir os seus biorresiduos.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible